A loita irmandiña xa se sente en Vimianzo

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Ana García

Ialma, Amparanoia e Terbutalina destacan no programa deste ano, que incorpora bastantes novidades

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

 O Asalto é para os vimianceses algo así como unha medida de tempo. As cousas, a vida cotiá e as actividades sociais suceden antes ou despois do Asalto. É sen dúbida o acontecemento central da vila soneirá, aquel polo que se agarda durante todo o ano, e a día de hoxe, a pouco máis dun mes da súa celebración, en Vimianzo hai xa ansias de festa.

«Non é unha festa histórica», insisten os organizadores, senón un festexo no que conviven harmoniosamente elementos actuais e tradicionais. O Asalto bebe da historia, e en especial nesta edición, bebe do 550 aniversario da Guerra Irmandiña (1467-1469) e do ataque á fortaleza, un feito que estará moi presente ao longo da representación nocturna.

Neste campo contarán este ano cunha nova incorporación, a de Soraya Lema, que se encargará de guionizar e dirixir a teatralización, na que participarán actores e actrices voluntarios chegados de toda a comarca. Como novidade, nesta edición realizarase unha preestrea da peza uns días antes do Asalto. Será o mércores, día 4, ás 21.30 horas no auditorio.

Gastronomía

Os Pinchos Irmandiños son xa unha tradición na vila e este ano serán dezasete os locais que participen no certame, con tapas nas que non poderán empregar ningún ingrediente que non existise na Galicia medieval. Para garantir a validez das propostas colaborou o equipo Guitián & Mayer, que asesorou e valorou previamente cada pincho para dar conta da súa calidade, valor polo que se aposta nesta undécima edición. Os petiscos serán valorados, como sempre, polo público, pero tamén haberá un xurado anónimo que emitirá o seu voto.

Actividades paralelas

Ben é sabido que o Asalto ao Castelo deixou de ser unha celebración nocturna hai moito tempo. A Feira Artesanal, a sesión vermú con Trampulleiro, o Asaltiño para os máis pequechos e o desfile de Irmandades Parroquiais dan vida ao propio día, convertendo a vila nun fervedoiro cultural tinguido de medievo. Neste senso, e aínda que o peso da organización recae sobre o Concello, Cherinkas e Axvalso, cabe salientar a participación das entidades e asociacións veciñais da zona, en especial de cara á celebración do desfile de Irmandades.

Pero o pistoletazo de saída virá da man da cuarta edición da Legua Irmandiña (30 de xuño), unha carreira nocturna vertebrada en torno ao Castelo e con modalidades para o goce de tódalas idades.

Ademais, os visitantes poderán gozar eses días de visitas guiadas no castelo ao mediodía e visitas teatralizadas o domingo, día 8, cos Quinquilláns.

Esgotadas, en apenas unhas horas, as entradas para a Cea Medieval do día 6

Preto de medio milleiro de persoas asistirán, na noite do 6 de xullo, á Cea Medieval que dende hai case un decenio precede a celebración do Asalto e ao que se suman proveedores, colaboradores e tamén público en xeral, todos eles vestidos de época. Tal foi o interese, que as entradas esgotáronse apenas unhas horas despois de poñerse á venda.

Ademais da cea, os asistentes gozarán tamén do concerto de Carapaus e do Enlace irmandiño, unha curiosa cerimonia matrimonial de inspiración medieval.

Os actos do día grande

Sábado, 7 de xullo

Pola mañá

VIII Feira Artesanal, obradoiros infantís, xogos de mesa irmandiños, xadrez, baile galego, espazo artístico itinerante, batalla de galos e sesión vermú.

Pola tarde

Aturuxos Irmandiños, Asaltiño (de 16.30 a 18.00), dramatización no Castelo, IV Irmandade Parroquial, Izado da Bandeira Irmandiña e circuíto musical na rúa.

Pola noite

Ialma (22.00), Asalto (23.30), Haka Vahine (00.50), Inmaculate Fools (01.00), Amparanoia (02.30) e Terbutalina (04.00).