«O noso deber é cumprir a lei para protexernos que non morra xente»

fran rodríguez / j. v. l. CARBALLO, CEE / LA VOZ

VIMIANZO

sande

A enxeñeira forestal ve a limpeza na contorna das casas e das estradas como unha necesidade e unha meta de todos

20 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A enxeñeira forestal e xefa do Distrito V con base en Vimianzo, Sara Romero, detalla as medidas que hai que cumprir para protexerse dos incendios e analiza a resposta, que ve moi positiva, por parte da cidadanía respecto á aplicación da lei e a limpeza das franxas de protección. Esta semana falou en Radio Voz.

-¿Segue habendo dúbidas na xente cas distancias que hai que gardar das casas e estradas?

-Máis que dúbidas aquí o que está chegando xa é xente para cortar, con iniciativa propia e demais. Só co visto co que pasou o verán pasado en Portugal e en Pontevedra penso que nos chegou un pouquiño a todos. A morte de xente chegounos e penso que se todos podemos evitalo, aplicando a Lei 3/2007 do 9 de abril de defensa contra incendios forestais, deberemos colaborar. Hai iniciativa e estase recibindo moi ben entre a xente. Estamos a recibir cantidade de chamadas e dando cantidade de atención ao público e por toda esa colaboración cidadá dou as grazas.

-Non é unha lei nova.

-É unha lei do 2007 que eu creo que xurdiu despois da vaga de lumes do 2006 que foi desastrosa. Xurdiu esa lei e temos que facerlle caso.

-¿Cales son esas distancias que hai que manter?

-Dende o noso distrito, penso que igual que nos demais estamos facendo cantidade de charlas para achegarnos á xente en todos os concellos, incluso nolo piden en lugares, en parroquias e, como nos é moi difícil chegar a todas as partes e temos esa experiencia, podemos explicalo. O que estamos a facer é a xestión de faixas secundarias de biomasa. ¿Que é iso? A xestión nunha faixa perimetral de solo urbano e urbanizable de núcleo rural, así como ao redor das vivendas illadas. Isto quere dicir que ao redor de todo isto hai que ter unha faixa limpa, de toxo, de eucaliptos, de pinos e de acacias de 50 metros. O último que había era de 30, pero houbo unha modificación en decembro do ano pasado, penso que pola vaga de lumes, e agora son 50. En principio pode parecer moito aplicámolo no núcleo de Santa Mariña, en Camariñas, coa nosa xente, con Xoán Pérez Gestido, e sobre o terreo non é tanto. Pola contra, se tés unha plantación de frondosas poden estar xa a 15 metros. Son os amieiros, os carballos, os castaños, as faias, os loureiros, as nogueiras... Todas esas especies que, en teoría, non propagan tanto o lume pódense plantar a 15 metros.

-¿Que utilidade ten?

-Todo isto é unha forma pasiva de protexer as nosas infraestruturas, edificacións, equipamentos... e, por suposto, as vidas humanas; que non teñan necesidade de escapar dos seus fogares cando vén o lume, que a min pásaseme moito pola cabeza o de Portugal. Por outro lado tamén o estamos aplicando sobre as estradas. As vías principais: autovías, autoestradas, corredores... son 10 metros a cada lado de eucalipto, pino e acacia. Pola contra, se son frondosas poden estar a catro metros. Nas outras pistas, forestais e demais, para os concellos de alto risco, que aquí son todos menos Corcubión, seis metros para os eucaliptos... e dous para as frondosas.

-¿Pode haber cambios da norma por parte dos concellos en sentido máis restritivo?

-En principio, non. Réxense por esta lei e temos o apoio de todos os concellos. Están colaborando moito con nós e incluso nos facilitan as charlas. Esta medida eu creo que é suficiente e boa para todos: para alcaldes, para veciños e para nós. Só hai que aplicar a lei. Non é unha imposición, senón unha normativa que está aí e é o noso traballo e o noso deber que se cumpra, para que non morra xente e non se corran riscos. Por outra parte, tamén nos beneficia a nós, os forestais, porque se temos lume no monte podemos ir apagalo e se sabemos que tal lugar está limpo a 50 metros non gastamos medios en estar protexendo as casas e podemos apagar o monte antes sen que arda máis superficie. É fundamental e eu quero dar as grazas pola colaboración cidadá, que está sendo moita e as medidas están sendo moi aceptadas. Entendo que a xente se poña nerviosa, pero tranquilos. Vamos ir facendo pouco a pouco e, sobre todo, facer fincapé nos lugares que a xente vive e que vexa que están moi pechados de maleza. Eses lugares son os prioritarios para nós, porque abarcar esta lei é moi amplo, é moi difícil actuar en todo. Igual que as estradas xerais que poidan levar a máis perigo. A xente que teña fincas que linde con iso que sexa consciente sen ter que obrigarlles. Hai que darse conta que Galicia ten 31.550 núcleos. Si, é moi bonita, pero estamos todos metidos no monte. Por iso pido que a xente que saiba que está nun lugar complicado que o faga xa sen que nós teñamos que estarlle enriba, polo ben deles. Despois se hai unha morte todos nos levamos as mans á cabeza.