«A práctica do deporte constitúe unha forma marabillosa de unir á xente»

Xoán Ramón Alvite Alvite
xoán ramón alvite MAZARICOS / LA VOZ

VIMIANZO

JOSE MANUEL FERREIRO

A deportista Rocío Alvite participa no circuíto Correndo pola Costa da Morte, que chega á súa quinta edición 

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É a raíña indiscutible do circuíto de carreiras populares Correndo pola Costa da Morte, que este ano celebra a súa quinta edición. De feito, foi a campioa nas dúas últimas, gañando con claridade oito das dez probas nas que participou. Un dominio que tamén amosou na proba disputada hai tres semanas en Vimianzo, onde resultou vencedora, e que espera repetir esta fin de semana en Mazaricos.

Corre na casa e iso, tal e como explica a propia Rocío Alvite Ferreiro (San Cosme de Antes, 1980), é unha responsabilidade engadida á que lle encanta facer fronte. «Gústame moito correr no meu concello porque sempre te atopas con moitos coñecidos que che animan de corazón, porque che coñecen de sempre e che din que se senten orgullosos de min cando me ven correr. Teño que recoñecer que me poño moito máis nerviosa competindo na casa, pero que tamén o fago con moito máis ánimo porque intento dalo todo para non defraudalos».

Habitualmente non adoita facelo porque rara é a proba na que, como pouco, non sobe ao podio. E xa non só nas populares -tamén gañou o circuíto de carreiras da Deputación da Coruña o pasado ano- senón tamén en campionatos de maior relevancia. De feito, no 2016 proclamouse en Portugal campioa de Europa na carreira de dez quilómetros para veteranas maiores de 35 anos e subcampioa, só un día despois, da media maratón nesta mesma categoría.

Uns logros aos que Rocío Alvite, facendo gala da modestia e a sinxeleza que sempre a caracterizan, lles quita importancia. «É certo que hai que manter unha tensión competitiva e que a todos os que corremos nos gusta gañar, pero sempre sen esquecerse de que isto é unha afección e que, unha vez se cruza a liña de meta, todos somos amigos e que, ás veces, incluso imos tomar unha caña xuntos. A práctica do deporte constitúe unha forma marabillosa de unir á xente».

Eloxio das iniciativas que se fan

Neste sentido, eloxia as iniciativas que, no eido da promoción do deporte, están a facer os concellos da comarca. «Estano achegando a todo o mundo e iso hai que dicilo e poñelo en coñecemento da xente, porque en moitos casos supón esforzos económicos moi importantes. Nunca antes foi tan sinxelo e barato poder practicalo», apunta a atleta que, defendendo a súa disciplina, sinala que correr é unha das mellores prácticas que se poden desenvolver porque, ademais de estar ao alcance de todas as persoas, concede grandes beneficios a quen o fai.

«Cada un, independentemente da súa idade, ao seu ritmo e buscando o modelo que mellor se lle axuste, pode correr. Nin fai falla un equipo carísimo nin unhas instalacións fóra do normal, senón calzar unhas zapatillas e ir arrancando pouco a pouco. A satisfacción persoal que se obtén é enorme e os beneficios para a saúde impagables», explica Rocío Alvite que, sen embargo, recoñece que ela empezou a practicalo relativamente tarde. «Sempre me gustou moito o deporte e estiven en moitas disciplinas. Dende a bicicleta ao ximnasio, pasando polo campo a través de pequena, sempre lle dei un pouco a todo ata que un día, vai facer dez anos, me propuxen empezar a correr e ata hoxe xa non parei», explica.

En todo este tempo respectárona as lesións -insiste na necesidade de que cada un atope o ritmo que mellor lle vaia, precisamente, evitalas e «poder desfrutar do deporte sen sufrimentos»- e só un pequeno contratempo nun pé a principios de ano lle impediu saír. «Empecei a adestrar de novo en abril porque preferín parar e que todo curase ben para evitar males maiores no futuro. Tampouco hai que enfermar, porque isto ten que ser un divertimento».

A pesar disto, e de que tamén participa mañá nunha carreira de oito quilómetros en Frades, espera estar a tope o domingo na Picota para gozar da súa afección e para facer que os seus veciños e amigos continúen sentíndose tan orgullosos dela.