Un bo investimento

X. María Lema Suárez TRIBUNA DA HISTORIA

VIMIANZO

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Paga a pena ler polo miúdo as declaracións que hai uns días fixo a La Voz de Galicia Tito Concheiro sobre a importancia das escavacións que acometeu o pasado mes de abril no castro das Barreiras de Ogas (Vimianzo), pois seica se trata dun exemplar único en Galicia, “un expediente X da arqueoloxía” cunhas construcións enormes, habitadas por un curto espazo de tempo polos nosos antepasados nerios (ou “subnerios”?) entre os séculos III e II a.C. A idea clásica que temos dun castro é a dun poboado da Idade do Ferro de casas circulares, rodeadas dunha muralla e situado na ladeira ou no cume dun outeiro. Pero este é un castro de chaira, situado no fondo dun val, o que parece indicar que os seus moradores non tiñan moito medo de ataques externos. Concheiro engade que o poboado das Barreiras debeu existir nunha etapa florida do castrexo galego. Unha venturosa etapa de paz?, preguntamos. Convivirían os seus habitantes cos dos outros castros do mesmo Val de Vimianzo, o de Lavandeira en Castrelo -este de outeiro, nunha atalaia a 300 metros de altitude no monte do Sino- e o pequeno de Castrobuxán de Calo? Como sería a súa relación coa hoxe valorada Cidade de Borneiro, escavada na década de 1980 por Ana Romero Masiá, tal como ela lembraba hai uns días neste xornal?

Rematou a primeira fase das escavacións no castro das Barreiras de Ogas e xa estamos esperando pola segunda, para saber por que o abandonaron, seica de maneira tráxica -hai probas dun incendio-, os seus habitantes. Haberá quen considere que o investimento en arqueoloxía non é importante. O que non é normal é que teña que ser o propio Concello e non Patrimonio da Xunta de Galicia quen tome a iniciativa. A riqueza arqueolóxica é unha realidade na Terra de Soneira e en toda a Costa da Morte, e aproveitala é un importante reclamo turístico, como ben o demostra o número de visitantes que cada vez máis se achegan ó dolmen de Dombate e ó castro borneirán. Coa posta en valor deste castro hai outro adaxo máis para visitar Vimianzo, un Concello que está demostrando que a posta en valor do seu patrimonio monumental, histórico, etnográfico e paisaxístico é un bo investimento económico. Afortunadamente non é o único goberno municipal da zona que así o fai, pois cada vez son máis os que se foron decatando de que é un bo negocio. A Deputación da Coruña tamén se está implicando de maneira exemplar. A única que non está nin se lle espera é a Administración autonómica, onde debe haber moitos “cegos, fartos de mirar sen ver”, como dicía o poeta.