«No teatro non hai rede na que tirarse»

V. Couto / M. López / P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Marcos Orsi (á esquerda), xunto con Luis Iglesia
Marcos Orsi (á esquerda), xunto con Luis Iglesia MIGUEL VILLAR

Marcos Orsi aterra esta fin de semana na Costa da Morte co espectáculo «Sénior», que comparte con Luis Iglesia. Hoxe estarán en Paiosaco; mañá, en Vimianzo

27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Clausuras de excepción as que terán esta fin de semana a Primavera teatral de Paiosaco e a programación da Casa da Cultura de Vimianzo, e con dous rostros ben recoñecidos da cultura audiovisual galega. Marcos Orsi acompáñase de Luis Iglesia para presentar Sénior, un espectáculo cargado de sátira aos temidos 50 anos. Hoxe, no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco, a partir das 21 horas. Mañán, en Vimianzo, ás 21.30 (entrada 3,50 euros).

-¿Cando se empeza a ser sénior?

-Pois cando un comeza a pensar «isto antes custábame menos».

-¿Cantos anos tiña vostede?

-Creo que pasa dende o momento no que nacemos, porque xa dende entón comezamos a perder flexibilidade. Perdemos moitas cousas, pero tamén gañamos moitas outras.

-No espectáculo «Sénior» convidan a sentir a idade con orgullo.

-Nós temos unha idade e, en moitos casos, a sociedade ponnos nunha situación e nunhas casiñas que non nos corresponden. Eu penso que moitas veces a nosa idade non se reflicte na forza que realmente temos.

-Agradable sabor a comedia desprende a súa proposta.

-Tratamos de darlle un toque divertido a estes temas. Por exemplo, sabemos que a unha certa idade aparece a presbicia e de cerca non ves nada. Aí comezan os malabarismos, como a qué distancia hai que ter o móbil para poder ler con claridade.

-¿Como de importante é saber rirse dun mesmo?

-Ao final é do que se trata: de rirse das nosas situacións cotiás. De cousas que nos pasan tanto a nós como aos demais, das maneiras de conducir, que foron mudando ao longo do tempo...

-¿Que tal traballar con Luis Iglesia sobre as táboas?

-É fantástico. Luis é un actorazo e xa traballamos máis veces xuntos, tanto na serie Matalobos como noutra comedia teatral que fixemos tamén en conxunto. Luis é xa como da familia.

-¿Como se desenvolve esta obra?

-Falamos moito co público. Tanto Luis coma eu temos cincuenta e pico anos e dialogamos directamente coa xente, que soe ter tamén arredor desa idade. A partir de aí comezamos a compartir diferentes experiencias e a narrar como vemos o futuro.

-¿Contan en «Sénior» situacións tiradas da vida real?

-Non exactamente, aínda que botamos man en bastantes ocasións do que vemos na rúa. Ademais, evidentemente, tamén temos que contar cousas dende a perspectiva da muller

-Polo xeral, un texto escrito por Avelino González parece, a priori, garantía de éxito.

-Sen dúbida. Avelino ten unha grande habilidade para escribir e unha mirada moi aguda. Outro amigo co que levamos xa moitos anos traballando en común e compartindo moitas horas de furgoneta por todo o país. Hai unha gran complicidade entre nós, e iso sempre facilita moito as cousas á hora de traballar.

-É aínda cedo para facer un primeiro balance, xa que a estrea deste espectáculo é bastante recente, pero ¿cómo está a ser a acollida entre o público?

-Moi boa. Ao tratarse dunha comedia e ao ser un show tan vivo (somos dous e dialogamos constantemente co patio de butacas), notamos que en cada función que pasa vai medrando e vai gañando complexidade. Tamén nos sentimos máis soltos e vemos que podemos ir arriscando máis.

-Ese contacto directo coa xente botarase de menos cando traballan no audiovisual.

-O importante en si é o proxecto. Despois dependendo do «vehículo» no que nos movamos, sempre se traballa de maneira diferente. O más interesante do teatro é que é un ser vivo, é irrepetibre: cambia o clima, os espectadores, o aire... Sempre miramos cara adiante, vivindo no futuro.

-¿Impón máis?

-¡Claro! No teatro non hai rede sobre a que tirarse, non se pode comezar de novo. Esixe unha concentración a longo prazo, e ademais estamos todo o tempo en escena, metidos no papel. Tamén é interesante o feito de que se pode ensaiar máis, profundizar a outro nivel nas personaxes.

-¿Que expectativas teñen para esta completa fin de semana na Costa da Morte?

-Pois animamos á xente á que veña a vernos, tanto a Paiosaco como a Vimianzo, e que escache a rir, ¡como tamén a nós nos dá a risa algunhas veces no escenario!