Universidades e universidades

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

VIMIANZO

29 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Paquita Antelo Pazos contaba non hai moito en Vimianzo, nun auditorio emocionado, como anos atrás tivera que «coller a maletiña» para ir «a onde se ganaban uns cartiños». Saíu da súa Berdoias natal para ir primeiro a Francia e logo a Canadá. Foron tempos de incerteza, de casar nova, aos 17 anos, de enviar case un soldo íntegro á casa. Tempos nos que volver tampouco era doado. Pasar do París ou do Montreal que a acolleran a unha aldea na que «non tiñamos nin teléfono, nin coche». «Moito teño chorado», contou Paquita en Vimianzo. Hai miles de veciños da Costa da Morte con máster en emigración, graduados nas consecuencias dun desapego a veces inevitable. Semella agora que a Universidade lle botou ollo a esta comarca. En Corcubión véñense de firmar dous convenios con diferentes fins, pero que en definitiva achegarán ao recuncho atlántico a operatividade de toda unha institución. Máis de 60 persoas, por outra banda, son as que finalmente participarán no proxecto Sénior co que a UDC desembarcará en Baio. Maiores de 55 anos chegados dende o propio Zas, claro, pero también de Carballo, A Laracha, Laxe, Ponteceso, Corcubión, Cabana ou, entre outros concellos, Vimianzo. Xa non queda nada para que lles falen da natureza, da arte, ou do patrimonio. Paquita Antelo figura entre esas alumnas, será unha das mulleres que ocuparán as cadeiras para escoitar como os profesores universitarios lles dan nocións de saber. Gustaría de observar por un buratiño como sería o proceso contrario, con todos eses docentes sentados e estes alumnos contando aquilo que aprenderon da vida. Hai Universidades e universidades, e de Baio sairá algo bo.