A fenda de xénero

Rosa Arcos LA VOZ DE LA EXPERTA

VIMIANZO

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai apenas unha semana, as mulleres saiamos á rúa para reclamar unha sociedade máis xusta e igualitaria. Este sábado estamos todas e todos convocados á participar nas mobilizacións a favor dunhas pensións dignas, porque tamén nas pensións, as mulleres temos motivos para mobilizarnos. En Galicia case se reparte por igual o número de mulleres e homes pensionistas. Pero nas pensións por xubilación hai un 27,56% máis de homes que mulleres, incluso nas de orfandade son máis os homes. Soamente nas pensións de viuvez e nas non contributivas, que son en termos xerais as pensións máis baixas do sistema, somos máis as mulleres. Se miramos dentro das pensións por xubilación, a diferenza de ingresos entre homes e mulleres está nun 37,89 % de media, estamos falando de 394 euros menos que percibimos as mulleres, logo de toda unha vida laboral. Se miramos os datos a través do conxunto das pensións contributivas, a diferenza media en Galicia é dun 27,28%, iso supón uns 278 euros ao mes. Estamos falando de percibir nun ano entre 5.516 e 3.892 euros. As mulleres no rural somos as que temos as pensións máis baixas do sistema, xunto coas mulleres do mar. Temos polo tanto motivos para reclamar, tamén no ámbito das pensións. Queremos que dentro da mellora xeral das actuais pensións, e dos cambios que se acorden para mellorar o sistema, a visión de xénero estea presente, por unhas pensións dignas hoxe, e no futuro. As mulleres volvemos á rúa!