«En Carballo teño callo de actuacións»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Ana Garcia

O humorista e actor Pepo Suevos abrirá cun monólogo a programación de marzo no auditorio vimiancés

02 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pepo Suevos (Ferrol, 1971) anda de actualidade por diversos motivos. Nesta comarca, porque el será o encargado de inaugurar mañá cun monólogo a programación de marzo e abril na Casa da Cultura de Vimianzo. A nivel xeral, polo seu papel en Fariña, a serie de televisión que comezou a emitirse o mércores e sobre a que onte fervían as redes. Nela, Suevos interpreta a Di Stéfano, habilidoso piloto de planeadoras na ría de Arousa e un dos homes de Vicente Otero, Terito, xefe da cooperativa de contrabandistas de tabaco ao que dá vida Manuel Lourenzo. Ao final do primeiro capítulo, unha frase de Miñanco é avance do que virá: «¡El tabaco es para Terito y para los viejos, la fariña es el futuro!». Aínda resoa.

-Mañá tócalle Vimianzo. ¿Ten xa algo pensado para o monólogo?

-A verdade... Estiven hai uns seis ou sete anos no auditorio de Vimianzo e como non había moita xente... Xa non me acordo moi ben o que contei, pero igual volvo co mesmo, ou non, veremos [ri]. Vendo o público, tirarei.

-Historias da terra, en todo caso.

-Si, cousas de aquí e vivencias miñas, obviamente. Non che son moito de saír de aquí...

-¿Segue vivindo en Bertamiráns?

-Si, hai que estar céntrico, que nos movemos por toda Galicia.

-Pasou hai nada por Carballo. Vostede foi o presentador do concurso e desfile de entroido. ¿Como lle foi a experiencia?

-¡Paseino moi ben! A xente tiña uns disfraces caralludos e as comparsas eran realmente orixinais. Divertinme moito, tamén co xurado... Con algo de frío, iso si.

-Ía vostede de ciclista e mesmo fixo unha defensa para respectar as distancias. ¿Cadroulle así ou foi por algo en especial?

-O de ir de ciclista foi unha coincidencia, aínda que eu sempre fun afeccionado a este deporte, todo hai que dicilo. Só que ultimamente, con todo isto dos coches, accidentes e demais, collinlle algo de medo. Hai pouco fun a unha gala da Federación Galega de Ciclismo e xa se sabe que cada entidade e deporte intentan enganchar á maior cantidade de xente posible. O presidente quixo animarme e díxome que me ía regalar un equipamento. Xusto mo acababa de dar aquela semana e eu precisaba un disfrace cómodo porque non sabía as horas que ía ter que pasar en Carballo... Así que fun de ciclista. Aproveitei as infraestruturas que tiña.

-É ben coñecido na Costa da Morte, pola que pasa a miúdo. ¿Ten algunha relación con ela máis alá do profesional?

-Teño certo vínculo por amizades persoais. Cando estudei coñecín bastante xente desa zona: Carballo, Malpica, Camariñas... Agora que estamos todos conectados, coas redes e demais, sempre pode xurdir ir dan unha volta, á parte do espectacular que é a paisaxe en si. Logo, a axencia que me leva ten bastante boa relación cos concellos da contorna, así que van aparecendo ocasións para ir actuar aí. Ademais, fará agora un ano que me incorporei ao teatro convencional e formo parte da obra O tolleito de Inishmaan, coproducida precisamente polo FIOT carballés [protagonizada polo malpicán Santi Romay]. Entrei suplindo a Ricardo de Barreiro e collín bastante datas.

-E vén sendo un habitual da Rúa dos Contos, ademais.

-Si... Hai dous ou tres anos fun só, hai un ano con Touriñán... En Carballo, aínda que agora xa non existe, lembro o pub La Tentación. Non sei se isto ten categoría de récord, pero o caso é que estiven indo dous meses todos os domingos seguidos, e cada vez contando cousas distintas. Deberon ser nove domingos ou así. En Carballo, por tanto, teño bastante calo de actuacións.

-En «Fariña» é vostede dos malos, se así se pode dicir...

-Se facemos esa diferenciación e poñemos á Garda Civil nos bos, entón eu son dos malos [ri]. Pero en realidade a cousa ten moito máis universo e eu parezo ser un bo piloto de planeadoras. Chega Sito Miñanco e xa se irá vendo que pasa...

-A acollida da serie foi tremenda.

-A novidade igual residía máis na audiencia a nivel nacional. Fariña é unha historia tan nosa, moi nosa, que seguramente os galegos tiñamos máis ganas de vela, pero o caso é que a nivel nacional obtivo 21,5 % de cota de pantalla, a pesar de que se atrasou bastante a hora de emisión. E en Galicia foi algo brutal, un 43,7 %. Non se recordaba algo así, penso, dende Mareas Vivas.

-¿Para cando os novos capítulos? Esta foi como unha premier...

-A verdade é que de momento non sabemos. Penso que este adianto veu un pouco precipitado polo secuestro do libro e mais pola detención de Sito Miñanco. Foi como unha noite temática en torno ao narcotráfico, pero penso que non estaba na idea da cadea estrear xa. Nesas decisións un nunca sabe, pero agora que ensinaron a patiña, estrañaríame que non seguisen...

Mañá, en Vimianzo. Pepo Suevos abrirá a programación de marzo na Casa de Cultura de Vimianzo. Será mañá, ás 21.30 horas. Entrada: 3,5 euros (reducida: 2 euros).