Amador Vidal: «Ninguén se atreve a facer esta tolería de vir, sen antes probar»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Jose Manuel Casal

O vimiancés acumula unha ampla experiencia nos rallys de terra, pero a proba de Suecia será a primeira que dispute sobre neve

15 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Amador Vidal Cernadas (Pasarela, Vimianzo, 1972) deixou a competición activa de motor no 2015, despois de gañar por segunda vez consecutiva o campionato de España de rallys de terra. Pero a súa paixón por este mundo mantense intacta e hoxe regresa, de forma puntual e por vez primeira, na proba de Suecia do campionato mundial da especialidade. Faino acompañado por un amigo médico portugués, José Camacho, de 63 anos.

- ¿Tras tres anos afastado das competicións, está preparado para afrontar esta proba?

- Hai que ter claro ao que veño aquí, a vivir unha nova experiencia, non a pelexarme con nada. Un amigo de Madeira que coñecín nas competicións, José Camacho, tiña a ilusión de facer este rally e propúxome que o acompañase: eu como piloto e el como copiloto. E aceptei sen pensalo, porque a min tamén me picaba o lombo por vir -risas-, e tamén era a única oportunidade que tiña para facer unha carreira deste tipo. Xa por iso o ano pasado viñemos velo.

-Vai rememorar vellos tempos.

-Si, aínda que é unha aventura un tanto estraña, porque eu nunca corrín en neve e el tampouco. Á parte, vai ser a primeira vez que Camacho suba comigo ao coche e, por se iso fose pouco, a maiores non fala moi ben o castelán, polo que lle vai custar ler as notas. Pero trátase de pasar unha fin de semana agradable e a ver se somos capaces de terminar. O que é puramente competir é moi difícil, porque non vimos en condicións. Pero vai ser unha experiencia única.

- ¿E non ten medo de que algo saia mal?

-Non, penso que o imos pasar fenomenal e que imos conseguir acabalo. Se non temos ningunha avaría nin sobresalto, vaime servir para coller unha boa experiencia na neve. Pero si que é certo que ninguén se atreve a facer esta tolería de vir correr o Rally de Suecia sen antes probar nun circuíto de xeo. Debo ser o único. Pero é unha aventura e así é como o vou tomar. A neve está moi fría, pero non tes perigo de incendio -risas-. Estes días probamos -levan alí dende o martes- e é incrible o rápido que se vai co coche pola neve coas rodas de cravos. É moi parecido a correr en terra, pero con algunhas cousas distintas, por suposto.

«Faime moita ilusión porque sempre me pareceu un rally moi bonito»

Amador Vidal leva 26 anos sendo piloto, pero a aventura que agora se lle presenta por diante é un soño feito realidade.

-Vostede prepara coches de competición no seu taller de Vimianzo. ¿É seu co que vai correr nesta proba?

-Non, é un Mitsubishi Lancer EVO 10 que hai moitos anos competía no Grupo N do mundial, pero que agora xa está desfasado. Para o que nós vimos facer vale ben, pero non é un coche competitivo.

-¿Participar nesta proba é un soño feito realidade, non?

-Faime moita ilusión correr en Suecia porque desde que son afeccionado ás carreiras sempre me pareceu un rally moi bonito e, de repente, estou aquí. Pero non é a primeira vez que participo no campionato mundial, pois xa corrín o rally de Cataluña, que era a rolda española, durante catro anos seguidos, nin tampouco a primeira fóra do país, pois tamén competín en Portugal.

-¿Que destaca desta proba?

-É un rally moi longo. Para ser exactos, sobre 320 quilómetros cronometrados. O xoves á noite -hoxe- vai haber só un tramo espectáculo de 6 quilómetros nunha cidade, e o venres ás 6.00 horas comeza realmente a proba. Cada etapa son sobre 100 quilómetros e algo, nos que pasas máis de 12 horas seguidas dentro do coche. E pese a que se chama Rally de Suecia, a metade dos tramos fanse en Noruega.