«Hoxe podemos expresarnos en galego grazas a todos eles»

O cemiterio de Salto, en Vimianzo, acolleu un acto para o fomento do uso do galego nos actos fúnebres


Carballo / La Voz

Concello de Vimianzo e Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promoveron o acto celebrado onte no cemiterio de Salto, unha iniciativa para o fomento do uso da lingua galega nos actos fúnebres que serviu, ademais, para lembrar á mestra Carmen Neira Marcos e para cambiar a súa lápida por unha neste idioma. Descubriuse, asemade, unha placa no camposanto coa lenda «Na memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter lingua e cultura de seu». Os veciños presentes, pola súa banda, puideron asinar unha acta de derradeiras vontades na que expresaban o seu desexo de que os actos fúnebres relacionados co seu pasamento se leven a cabo en galego.

Manuel Antelo, alcalde, tivo un recordo para toda aquela xente que «en circunstancias moi difíciles», defendeu a nosa lingua. «Grazas a todos eles hoxe en día podemos expresarnos en galego», afirmou. Citou, por exemplo, ao poeta Manuel María: «Pelexou e saíu adiante». Elixiu un poema del, A fala, para expresar aquilo que o acto de onte pretendía e que moi ben se pode resumir nos versos «Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer. Precisamos a lingua se queremos vencer».

Antelo lembrou á docente como unha profesional da educación á que lle tocaron tempos escuros: exerceu na localidade entre o 1946 e o 1986, sendo unha máis da vila, malia non ter nacido alí. O poema de Rosalía Negra sombra, na voz de Irma Macías, de Reparada (Salto), suscitou os aplausos dos presentes. Non foi a única intervención artística. «Nesta parroquia nacemos, vivimos e morremos en galego durante séculos. Os que están aquí foron os depositarios, cultivadores e transmisores dunha lingua dende tempo inmemorial. Hoxe, a asociación Neria Marcos quere sumarse á súa homenaxe por seren valedores inocentes dun patrimonio de valor incalculable e eterno. E pretendemos personalizar esa homenaxe nunha persoa que foi un exemplo para nós. Sen os saberes que nos transmitiu Carme Neira Marcos non seriamos quen de ser conscientes de todo o que significamos e todo o que pretendemos legar para os que veñen detrás. Por iso hoxe a tomamos como exemplo para que as xeracións presentes e futuras contribúan a normalizar tamén o galego nos lugares destinados á última memoria. Esta lingua morna, que tanto nos ten acubillado, merece permanecer en letras de mármore. Se nacemos en galego, tamén queremos morrer en galego», dixo Teresa Ferreira, presidenta da asociación Neira Marcos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Hoxe podemos expresarnos en galego grazas a todos eles»