«O noso patrimonio non é só cousa de técnicos, hai que abrilo á sociedade»

O catedrático coruñés abrirá hoxe o segundo Simposio Dolmen de Dombate


Carballo / La Voz

Doutor en Historia da Arte e catedrático pola Universidade de Santiago de Compostela, Jesús Ángel Sánchez García (A Coruña, 1967) é coñecedor do patrimonio cultural e arquitectónico da comarca. Con varios libros publicados sobre as Torres do Allo, os faros ou os cines de Galicia -entre outros temas- afirmaba no seu día non crer na lenda negra sobre a Costa da Morte, pero si na potencia do seu patrimonio marítimo e nas súas xentes. Hoxe, ás 17 horas, ofrecerá a conferencia inaugural do II Simposio Dolmen de Dombate.

-¿De qué temática nos falará hoxe en Borneiro?

-Será basicamente un percorrido por diferentes edificios que son propiedade da Deputación da Coruña que se poderían considerar emblemáticos ou que gozan dun certo valor histórico-artístico. Algúns deles foron edificados pola propia entidade, pero a maioría foron mercados e rehabilitados. Direi que hai un gran protagonismo da Costa da Morte neste aspecto, posto que dende os anos 70 o organismo mercou o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo e os Batáns do Mosquetín.

-Leva xa moito tempo colaborando coa Deputación da Coruña.

-Botando a vista atrás xa son vinte anos de traballo, polo menos. Xa son moitos anos.

-Dombate quizais sexa un dos centros mellor explotados da zona.

-Hai unha parte clave, que é a difusión do patrimonio á sociedade. É moi importante converter estes enclaves en centros vivos, que contribúan non só a xerar visitantes ocasionais, senón que tamén sexan atractivos para a xente da zona. No caso de Dombate, está tendo resultados sobresaíntes neste aspecto. É algo moi valioso, despois de vir dun tempo no que a crise serviu de xustificación para recortes e cancelacións de moitas actividades.

-Segunda edición deste simposio. Son importantes estas reunións para conferirlle ao patrimonio o seu valor real.

-A idea está moi ben. Ademais, como o patrimonio é algo vivo, sempre é positivo implicar á xente nas experiencias desas persoas que están implicadas e viven o seu día a día vinculadas a estes enclaves.

-Despois da súa conferencia intervirán Os Quinquilláns cunha teatralización. Tamén é interesante introducir unha parte lúdica.

-O importante son dende logo as mensaxes de fondo, así que a forma que se lle dea é indiferente: todo é válido para chegar á xente. Cónstame que os actores desta compañía teñen moito interese por documentarse na historia e apoiarse en datos verídicos.

-¿É o infantil un público ao que hai que intentar chegar?

-Si, sempre. A cuestión é saber se precisan actividades máis precisas ou se tamén poden ter cabida no marco de actividades máis xerais. Para os nenos este tipo de actividades son sempre especiais e nunca se sabe, quizais poden espertar intereses futuros.

-¿Precisa o complexo de Dombate dalgunha acción específica ou vai ben encamiñando pola ruta que está seguindo?

-Todo o que se fixo até o de agora foi bastante acertado. Creo que hai que continuar por esta vía e intentando dar un enfoque o máis amplo e diversificado o posible ás accións que se leven a cabo. O noso patrimonio non é só cousa de técnicos e especialistas, hai que abrilo á sociedade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«O noso patrimonio non é só cousa de técnicos, hai que abrilo á sociedade»