«Todos os sitios teñen historia, pero hai que escaravellar moito»

Os sucesos acaecidos en Vimianzo en 1936 centraron a charla celebrada onte

Á. p.

A Casa da Cultura de Vimianzo foi escenario onte dunha conferencia sobre os sucesos acaecidos na localidade en 1936 e que concluíron, tras o triunfo da sublevación contra a República, cos fusilamentos do secretario municipal interino e do teniente alcalde, Manuel Alborés, e a fuxida do rexedor, o seu irmán José. A historia ten «como protagonista inanimado» á propia fortaleza e como narradores a Emilio Grandío, Carlos Aymerich e Bernardo Máiz. Este último, unhas horas antes da charla avanzou en Radio Voz os detalles dun relato que permite comprobar como en todos os sitios hai historias que merecen ser contadas. A substitución, uns meses antes do golpe de Estado, do secretario municipal, a decisión do pleno local de expropiar o Castelo -propiedade da familia Martelo de la Maza- para convertelo en consistorio, mercado, matadoiro e escola e a toma da fortaleza -xa en plena sublevación- por parte dun grupo de defensores da República son os principais antecedentes deste relato.

-¿Quedan moitas historias por contar?

-Vimianzo ten historia como teñen todos os sitios, o que pasa é que hai que repenicar moito e escaravellar moito para dar con ela. Unhas veces trátase de historia propia importante e outras de como a gran historia afectou e ese lugar. Moitos estamos descubrindo á xente como partindo dun lugar se pode escribir a historia do mundo enteiro.

-¿Neste caso farano a tres voces?

-Emilio [Grandío] da o marco xeral do que sucedeu, eu conto o relato, e Carlos Aymerich, que é profesor de Dereito Administrativo, explica se desde o punto de vista xurídica esa ocupación do Castelo era legal ou non. O Castelo foi despois reintegrado á familia Martelo de La Maza e actualmente é propiedade da Deputación, pero xestiónao o Concello de Vimianzo. A comisión da Memoria Histórica da Coruña ten intención de editar este traballo.

-¿Como acaba a historia?

-Un dos dous irmáns Alborés morreu, pero o alcalde, José, conseguiu esconderse. Reapareceu no ano 50 e non lle sucedeu nada porque a súa causa foi sobresida. Pero á súa muller acabaron toleando os falanxistas con malleiras, aldraxes, insultos e pintadas nas portas. De feito unha das razóns de que el reapareza e se entregue é que tiña que coidar á muller, pero ela non o recoñeceu. Hai unha frase curiosa que destaca moito o historiador Luis Lamela: cando José Alborés se atopa na Coruña co gran represor da comarca, o tenente da Garda Civil Rodrigo Santos este lle explica: ‘Mira, me alegro de que no te pasara nada porque claro cuando hay una riada como esta se lleva a la gente por delante al principio, pero después, si te sabes separar ya ves que no pasa nada’.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Todos os sitios teñen historia, pero hai que escaravellar moito»