«O mundo dos títeres teno todo»

verónica couto / Á. p.

VIMIANZO

A nova programación infantil do Concello de Vimianzo bota a andar esta tarde con «Os soños na gaiola»

02 abr 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Borja Insua (Corcubión, 1982), titiriteiro, actor, escultor e responsable da compañía Títeres Alakrán, abre esta tarde con Os soños na gaiola na Casa da Cultura de Vimianzo (18.30, entrada de balde) a nova programación municipal para toda a familia.

-Unha obra cun título moi evocador.

-Si, pode evocar moitas cousas, iso depende de cada un, pero sobre todo é unha evocación da poesía e da nosa terra.

-E para público familiar.

-Eu sempre digo que non me gusta moito enfocar os meus espectáculos a unha determinada franxa de idade; fago espectáculos para toda a xente e depende da sensibilidade de cada un que lle gusten ou non os monicreques. Unha persoa sensible e que lle guste a poesía pode gozar dun espectáculo de monicreques tanto ou máis que os seus fillos.

-¿Como xurdiu a idea deste espectáculo?

-Foi feito o ano pasado con motivo do Día das Letras Galegas de Manuel María. Eu quíxenlle facer unha homenaxe e de toda a súa obra este texto pareceume o máis axeitado para explicarlle aos nenos sobre todo o que é a poesía e o noso país, porque ao fin e ao cabo Os soños na gaiola é un percorrido por Galiza, sobre todo, pola Galiza rural, que hoxe en día está bastante en crise.

-¿É doado achegar a poesía aos máis pequenos?

-Ten a súa complicación, pero neste caso quixen contar cun dramaturgo e director novo, Roi Vidal, que é un valor a ter en conta e que fixo un traballo incrible porque adaptar a poesía ao teatro non é nada sinxelo. Mesturamos un pouco o tema de Alicia no país das marabillas como estrutura de viaxe cos poemas do libro, que son unha evocación da natureza e do universo do rural galego. Trasladarlle o mundo rural aos nenos é case máis difícil que a cuestión da poesía porque desgraciadamente no rural xa case non quedan nenos e hoxe en día falarlles de cousas como un arado é como falarlles en chino.

-¿Que papel ten a música neste espectáculo?

-Un papel importante porque a música e a poesía casan moi ben e este espectáculo ten cancións en directo. A música está composta por Roi Vidal e por un dos seus compañeiros do grupo Ataque Escampe, e posto que o texto foi escrito nos anos 60 e se fixo moi famoso nos 70 quixemos facer tamén unha homenaxe aos grupos daquela época.

-¿Que ten de especial o mundo dos títeres?

-Para min teno todo. O mundo dos títeres é maxia, é arte... e sempre estivo aí, desde o comezo dos tempos; di o dramaturgo arxentino Javier Villafañe o primeiro títere naceu cando o home viu reflexado a súa sombra.