«Con sentido, pódense facer moitas cousas xunto ás mámoas»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

VIMIANZO

SIMÓN BALVÍS

O técnico da Xunta, que coñece ben a zona, explicaralle hoxe aos propietarios as normas respecto dos dólmenes

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vimianzo segue adiante coas charlas informativas destinadas aos propietarios de parcelas con xacementos arqueolóxicos. Neste caso (20.00 horas, Casa da Cultura), será o arqueólogo da Xunta Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, que traballou en Dombate, no Castelo e nas Torres do Allo, entre outros lugares da zona, o que responderá as preguntas dos veciños sobre cuestións normativas.

-¿En que vai centrar a súa intervención en Vimianzo?

-Sobre todo en lexislación, porque na sesión anterior, na que estivo Fernando Carrera, a xente estaba maiormente preocupada por saber que cousas poden facer nos seus terreos.

-¿Como se lle achegan cuestións tan complexas aos veciños, non se podería ir co DOGA na man?

-Iso é o que estou pensando moito, como o vou dicir, porque, como dis, non se lle pode chegar coa lexislación así sen máis. Creo que farei unha exposición breve e, máis que nada, responder ás dúbidas que teñan.

-¿Existe unha crenza falsa de que non se pode facer nada?

-Exacto. Hai moitos usos compatibles, como o pastoreo ou incluso se quere roturar, con tal de gardar un contorno mínimo de protección. Con sentido común, pódense facer moitas cousas nos terreos nos que están as mámoas.

-¿Existe un problema grave de destrución patrimonial?

-Si que hai un alto grado de destrución, sobre todo por descoñecemento. Tamén teñen moito que ver as facilidades técnicas das que se dispón hoxe en día, para cultivar, plantar arborado,... Mentres antes un espazo podía tardar moitos séculos en mudar agora en menos dunha tarde podes destruír por completo unha mámoa.

-¿É a Terra de Soneira dos sitios máis ricos de Galicia en canto a estes xacementos?

-Non é dos lugares de Galicia onde máis. Hai outras zonas de maior concentración. Aquí o que chama a atención é a cantidade de cámaras que se conservan, porque noutros lugares levaban as pedras para empregalas en construcións, rompían as tampas,...

-¿A que se debe?

-Non o sei, non teño unha explicación para iso. O que se me ocorre, así agora mesmo, é que ao tratarse dunha zona rica en pedra quizais houbese máis facilidade que noutros sitios para acceder a ela e por iso non se tería producido tanta destrución de dólmens, pero non podo afirmalo con seguridade, porque realmente descoñézoo.

-¿Hai marxe para o estudo, a nivel universitario e demais, no patrimonio arqueolóxico que se conserva na Costa da Morte?

-Moitísimo e ademais en todas as épocas, en períodos de tempo moi diferentes. Estou pensando, por exemplo, nos castros ou no romano. Está aí Brandomil, que é un exemplo moi importante que ten unhas posibilidades amplísimas e moi interesantes en canto á investigación.