Roberto, un home bo

Xosé Mª Méndez Doménech A VIVA VOZ

VIMIANZO

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se pretende repasar os feitos máis salientables da figura de Roberto Mouzo, un síntese pasmado polo inxente traballo, volume e meticulosidade co que acometeu o estudo do noso patrimonio. El só ou con compañeiros de investigacións percorreu cada curruncho da Terra de Soneira, descubrindo petróglifos, penedos, castros... profundando no coñecemento do mundo megalítico.

Horas e máis horas de entrega a un traballo que o acredita como un verdadeiro erudito da cultura da comarca. Pero por importante que fose esa erudición, para min é moito máis o que Roberto fose toda a súa vida un home bo e xeneroso. De talante discreto, reservado e moi tímido, que se entregaba en canta necesidade coñecía e estando sempre aberto a colaborar cos demais en todo o seu tempo dispoñible.

Coñecino dun xeito ben curioso

A Roberto coñecino dun xeito ben curioso. Con moita frecuencia eu viaxaba da Coruña á casa que teño en Quintáns de Treos, e un bo día, a medio camiño, atopeime a Roberto facendo auto-stop, recollino e o tempo que nos levou chegar dedicámolo a charlar de todo un pouco. Deixoume abraiado a amplitude e volume dos seus coñecementos, así como o amor e interese sobre todo tipo de cousas da Terra de Soneira e da Costa da Morte.

Pasou como medio ano e, lendo o libro sobre os Moscoso de Altamira da autoría de Xosé María Lema e Roberto Mouzo, atopei algunhas diverxencias entre o recollido na súa bibliografía e o que tiña visto eu nos meus traballos. Con motivo disto, comecei con Roberto unha relación máis frecuente, en principio centrada no estudo e documentación de temas de carácter xenealóxico, de aí xurdiu o noso traballo do cadro mural sinóptico coa xenealoxía das principais familias fidalgas da Costa da Morte encabezadas polos Traba, Mariño e Moscoso.

Daquela, movidos por este interese común, as miñas visitas ao seu estanco de Vimianzo fixéronse cada vez máis numerosas. A nosa colaboración ampliouse tamén da xenealoxía e da heráldica a outro tipo de estudos: petróglifos, megalitismo, alta e baixa idade media, roteiros megalíticos...

Paréceme unha iniciativa moi salientable que dende Vimianzo se lle faga a Roberto unha merecida homenaxe, como persoa de ben que tanto fixo en favor do estudo e divulgación do patrimonio cultural da Terra de Soneira e da Costa da Morte.