O «Batanciño» de Servia, por fin no Mosquetín

Xosé Mª Lema

VIMIANZO

CEDIDA POR XOSÉ MARÍA LEMA

É de esperar que a incorporación desta curiosa peza sirva para retomar a idea do Ecomuseo

02 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En maio do pasado ano publicaba en La Voz un artigo titulado A maqueta do batán de Servia, ¿dará chegado ó Mosquetín? que remataba co desexo de que os atrancos burocráticos non impedisen que así fose, pois o Concello de Vimianzo iniciara os trámites coa Deputación da Coruña para incorporala ó coñecido conxunto etnográfico da parroquia de Salto. Lembremos que en 1999 tal maqueta fora doada á Deputación da Coruña pola viúva e fillos do vello bataneiro de Servia (Lousame) que a construíra, José Ces Ces, coa condición de que se expuxese no futuro Ecomuseo que estaba previsto facer no Mosquetín. Ningún dos organismos responsables se preocupou de tal museo e as pezas da maqueta estiveron hibernadas no limbo do Forno do Forte de Buño, ata que agora, case dezaoito anos despois, chegaron ó seu destino. Así funciona este país.

Nos libros que publicamos en 2007 e 2008 o lembrado Roberto Mouzo e mais eu detállanse as circunstancias da doazón da familia Ces -que ben merece mil desculpas pola longa demora- e as características da maqueta, que non é precisamente, como alguén pode pensar, unha miniatura, senón un rexo aparello bataneiro de madeira de carballo de 130 quilos de peso e de arredor de un metro de altura. Este sábado día 4, ás 12 horas, será o momento tan agardado do acto «inaugural» do que demos en chamar, cariñosamente, o Batanciño, o cuarto membro da familia bataneira do Mosquetín. Neste acto os asistentes terán unha inesperada sorpresa, que non é outra que comprobar que este aparello, case de xoguete, funciona. Confeso que a min, amolado polo paso dos anos sen que a doazón dese chegado ó seu destino, xa me daba por conforme con que un carpinteiro mañoso soubese encaixar as pezas e puxese en pé a maqueta, máis ou menos como se ve nunha multipublicada foto que lle fixemos en Servia en 1999 coa viúva de José Ces ó lado. Pero resulta que o carpinteiro encargado da reconstrución -o vimiancés Jesús Santos- foi tan habelencioso que non só soubo encaixar as pezas senón que logrou poñer a funcionar o aparello, de tal xeito que, movendo o rodicio cun dedo, as manlles érguense e baixan alternativamente para petar na pía da mesa. Iso favorecerá as explicacións dos guías, pois xa non fará falla poñer a funcionar ningún dos tres vellos folóns reais ?sobre todo no verán, cando non hai auga nas canles- para que os visitantes se dean unha idea do abatanamento.

É de esperar que a incorporación desta curiosa peza sirva para retomar a idea do Ecomuseo, para o que haberá que buscar un local axeitado, e para o que cómpre axuntar pezas dos batáns (unha vara de medir, unha manta de la) e dos muíños (cribos, peneiras, ferrados etc.).