Teatro para os sábados de inverno no auditorio vimiancés

Á. P.

VIMIANZO

Seis representacións e un monólogo forman o programa municipal presentado onte

01 feb 2017 . Actualizado a las 14:00 h.

O teatro é o gran protagonista da programación cultural de Vimianzo para os próximos tres meses, cun total de seis representacións e un monólogo, que levarán á algúns dos actores máis recoñecidos da escena galega.

O programa, presentado onte de xeito oficial polo alcalde vimiancés, Manuel Antelo, e a concelleira de Cultura, Marta Rei, arrancará este sábado e foi organizado coa colaboración da Agadic a través de Rede galega de Teatros e Auditorios e a Deputación da Coruña.

O prezo das entradas oscilará entre 3,5 euros (1,5 para maiores de 65 anos e estudantes) e 5 euros (2,5), pero tamén haberá un bono para os 7 espectáculos por 20 euros. Poderanse adquirir na Casa da Cultura de forma anticipada ou desde unha hora antes do inicio de cada espectáculo. Todas as sesións serán no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo a partires das 21.30 horas. Esta programación para os «sábados de inverno» está dirixida ao público adulto, pero en breve o Concello presentará o calendario infantil de actividades.

4 de febreiro

«Os amores de Jacques O Fatalista».

Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, María Costas e Piti Sanz protagonizan esta adaptación do clásico de Diderot realizada e dirixida por Quico Cadaval. Foi estreada hai un ano en Carballo. 5 euros.

11 de febreiro

Federico Pérez

O televisivo actor, nominado en seis ocasións aos premios Mestre Mateo visitará Vimianzo cun divertido monólogo. 3,5 euros.

18 de febreiro

«O tolleito de Inishmaan»

Un reparto coral integrado por Santi Romay, Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luís Iglesia, Marcos Pereiro e Susana Dans dan vida ás personaxes creadas polo irlandés Martin MdDonagh e adaptadas ao galego por Cándido Pazó, responsable tamén da dirección. 5 euros.

11 de marzo

«As do peixe»

Cándido Pazó e Contraproducións están detrás tamén da obra que abrirá as representación de marzo, o mes máis feminino da programación. As do peixe serve de homenaxe ás mulleres do mundo das conservas. Casilda Alfaro, Mónica Caamaño, Susana Dans e Rocío González encarnan a catro destas esforzadas traballadoras. 3,5 euros.

18 de marzo

«Voaxa e carmín»

Maruxa e Coralia, as famosas Marías de Compostela, cobran vida neste espectáculo pensado para sacar a luz a crúa historia que hai detrás das dúas mulleres inmortalizadas na estatua da Alameda de Santiago. As actrices Mabel Rivera e Belén Constenla protagonizan o texto de Esther F. Carredeguas dirixido por Xavier Castiñeira. 5 euros.

25 de marzo

«As fillas bravas»

Chévere profundiza na liña do teatro de perspectiva de xénero cunha montaxe na que Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantxa Villar recuperan a reivindicación feminina que se agocha detrás de expresións tradicionais como as coplas cantadas por mulleres. 3,5 euros.

1 de abril

«Nosa señora das nubes»

Un texto orixinal de Arístides Vargas é a base deste espectáculo dirixido e protagonizado por Celso Parada e no que comparte escenario con Josi Lage, Mundo Villalustres. 3,5 euros.