«Temos moi bos artistas na parroquia»

f. rodríguez / Á. palmou

VIMIANZO

Ana Garcia

A entidade xa prepara novos actos tras a boa acollida da exposición coa que foi reaberta a escola de Reboredo

10 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A ledicia pola boa acollida da exposición promovida pola asociación Neira Marcos para reabrir antonte a vella escola de Reboredo (Salto-Vimianzo) aínda era visible onte na presidenta da entidade, Teresa Ferreira, que confirmou en Radio Voz que este domingo volverá abrir.

-¿Que ten de especial esa vella escola?

-A casa é espectacular. Está no medio de Reboredo e pasa un pouco desapercibida porque ten un muro de pedra moi alto, pero ao abrir a porta atopas algo que te envolve. É unha casa enorme de pedra e está en moi bo estado despois da remodelación que lle fixeron, pero era unha pena que estivese sen vida. A xente que a visita contaxiase do ben que se está alí.

-Non é o a clásica escola.

-Para nada. Non ten nada que ver con aquelas casas de cemento que eran todas iguais. Está é unha casa de pedra que na parte de abaixo tiña un patio e o espazo para os animais, e na de arriba a vivenda da mestra e a aula. Agora unha sala abaixo e arriba dúas aulas grandes moi ben arranxadas e moi bonitas. E, agora, con dous detalles que se lle puxeron para a exposición e con moi pouco custo fíxose unha mostra moi bonita e puidemos volver e compartir inquedanzas e lembranzas. Pasamos alí un día moi bonito e esperamos pasar moitos máis.

-¿Canto levaba pechada?

-Onte estiven preguntando aos últimos alumnos e contábanme que 24 anos. Por iso foi preciso facer unha rehabilitación e despois darlle unha segunda volta porque a humidade destrozou a tarima e as portas.

-Pero a casa non foi o único atractivo da xornada.

-Si. A xente tamén veu ver a exposición, que estaba moi bonita e había moitas cousas curiosas porque temos moi bos artistas na parroquia. Estamos a falar moito da casa, pero non me quero esquecer da xente que colaborou porque grazas a eles aquilo converteuse nunha cousa cálida. Eu, como organizadora, estaba radiante por ver á xente alí falando, sen apuro por marchar.

-¿Cando abrirá de novo?

-Volverá a abrir o domingo, de 15.30 a 18.30 para que veña a xente que aínda non a visitou e se alguén quere traer máis cousas que o faga porque aínda hai outra aula baleira.

-Pero non houbo inauguración oficial.

-Non, porque desde a asociación queremos organizar unha proxección das cousas máis importantes que ten feito nos seus 16 anos de vida e ese día faremos un acto con algo máis de protocolo. Se non pode ser para este domingo, a ver se é para o seguinte. E como o Concello tamén ten parte nisto, queremos contar con el para esa inauguración.