«Poderíamos estar horas falando, pero a xente ten máis que facer»

Os populares cómicos visitan hoxe Vimianzo cun espectáculo no que dan vida a dous investigadores


Xosé Antonio Touriñán e Federico Pérez visitan hoxe Vimianzo (Casa da Cultura, 21 horas, 12 euros) con Curtis & Teixeiro. Onte, os cómicos e os seus personaxes pasaron xa polos micrófonos de Radio Voz para desvelar algúns detalles das súas pescudas.

-¿Quen son Curtis e Teixeiro?

-Federico Pérez: Suso Curtis teño a fortuna e a sorte de ser eu, e Teixeiro ten a sorte e a fortuna de ser Touriñán, pero tanto monta, monta tanto, poderíamos ser calquera dos dous porque compenetrámonos moi ben.

-¿E máis aló de quen os interpreta?

-F. P. Son dous axentes, investigadores privados que dedican as súas vidas, xa desde moi pequenos, a investigar e infiltrarse en todos os casos máis importantes da historia: desde o 23F ata a época do terrorismo islámico en Afganistán, e que irán a Vimianzo a falar sobre esas investigacións e sobre outras máis recentes, como a crise do PSOE.

-Pero sempre en clave de risa.

-F.P. Estamos en Vimianzo no marco duns xornadas sobre investigación internacional e en principio imos falar sobre a verdadeira historia de Noé, o señor aquel que fixo unha barca de madeira para meter animais dentro. O que pasa é que nós somos de verbo dilatado e cústanos entrar en materia así que botamos bastante tempo facendo introducións e reseñas doutras investigación e así se nos vai o tempo. Nós poderiamos estar catro horas, pero a xente ten máis cousas que facer, que o venres pola noite hai Luar.

-Xosé A. Touriñán: As cousas que son certas ás veces son golpes duros, así que o público debe ir predispostos a escoitar de todo, esa é premisa básica; con gañas de rir si, pero disposto a escoitar de todo.

-Xa encheron varios teatros en distintos puntos de Galicia.

-F. P. Esta será a segunda minixira que facemos. Na primeira xa fora moi ben e mesmo houbera sitios nos que tripitiramos actuación no mesmo día, como Noia e Cedeira, e desta segunda vez pois tamén está indo ben a cousa. Estivemos na Coruña, Ponteareas e Portas e esperamos seguir infiltrándonos con éxito en Vimianzo e nos demais sitios que nos queda por visitar.

-¿O espectáculo é o mesmo en todas partes ou adáptase ás particularidades de cada sitio?

-X. A. T.: O mesmo nunca é porque sempre pasan cousas que non sucedían no anterior, pero é un espectáculo bastante pechado para o que nós facemos habitualmente. Sería un 90 % pechado e no resto xogamos coas novidades e a actualidade.

-¿Canto hai de realidade e canto de ficción?

-F. P.: É todo en realidade. Nós, como bos investigadores que somos buscamos a verdade, aínda que ás veces custa asumila. Pero sempre lle damos un toquiño de carallada porque a nosa conferencia non é exactamente moi seria. O noso, como diría Nacho Vidal, é máis dilatado.

-X.A.T.: Eu diría que son personaxes de ficción contando historias reais. Todo o que se conta é realidade, aínda que non se queira escoitar.

-¿Con gañas de regresar á Costa da Morte?

-X. A. T.: Con moitas gañas porque no meu caso sempre foi unha zona onde o pasei moi ben, onde nos chamaron e nos acolleron; podo dicir que mesmo foi onde eu comecei con Nucha e Mucha, aí na zona de Bergantiños, e é un público marabilloso e entregado... xa parezo Gaioso ou Piñeiro. Temos ido mil veces e sempre te sentes como na casa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Poderíamos estar horas falando, pero a xente ten máis que facer»