«Se non estiveramos no Castelo teríamos que pechar»

A Xuntanza de Palilleiras reúne hoxe a 700 artesás no pavillón de Vimianzo


Carballo / La Voz

Por noveno ano consecutivo, a asociación As Nemanquiñas rende homenaxe desde Vimianzo ás artesás que manteñen viva unha das manifestacións máis tradicionais da comarca coa súa Xuntanza de Palilleiras. Arredor de 700 mulleres, e «polo menos catro ou cinco homes», chegadas de toda Galicia participarán nesta celebración que se desenvolverá no pavillón vimiancés entre as 10 e as 19 horas. Lourdes Lema é a presidenta da entidade organizadora.

-¿Cambiou moito o conto desde a primeira edición?

-Pois si que cambiou. Cando comezamos estabamos en pañales como quen di, facendo o que podiamos, pero agora xa estamos mellor organizadas e temos moita máis xente. A experiencia vaise notando.

-¿En que consistirá o acto de mañá [por hoxe]?

-Xuntarémonos 700 palilleiras das que 600 veñen de fóra. Abriremos de 10 a 13.30, hora á que iremos celebrar unha comida de confraternidade no Montevídeo á que tamén está convidada a corporación. Despois, volveremos ás 16.00 e estaremos ata as 19.00. Para rematar faremos un sorteo de regalos doados polos establecementos de Vimianzo e daremos un regaliño á persoa máis maior e á nena máis xovenciña.

-De onde veñen tantas palilleiras?

-De Viveiro, Foz, Cervo, Burela, Sarria, San Cibrao, Lugo, Ribeira Sacra, Pontevedara, Vigo, Cambados, Vilanova de Arousa, Tui, O Porriño, A Coruña, Boiro, Valga, Portonovo, Ferrol, Neda, Ames, Betanzos, Lousame, Cambre, Arteixo, Coirós, Carral, Noia, Oleiros, Bergondo, Cedeira, Ponferrada e Camariñas. A ver se non falta ningunha. Na maioría dos casos son escolas de palillo, non profesionais coma nós e veñen as profesoras e alumnas pasar un día no que nos xuntamos todos, intercambiamos modelos. E isto a nós, que estamos no Castelo, axúdanos a promocionar o noso encaixe.

-¿Cantas desas 700 palilleiras pertencen ás Nemanquiñas?

-Nós, agora, somos unhas 40.

-¿Haberá algún home palillando?

-Eu penso que si porque todos os anos veñen polo menos 4 ou 5 que están nesas escolas de palillo.

-Unha xornada de festa e encontro.

-Si. Sempre acabamos moi cansas ao final do día, pero sempre nos queda o gusto de que a xente marcha contenta porque pasou un boa xornada, que é do que se trata.

-¿Como está o sector da artesanía na actualidade?

-A crise afectou a todo o mundo, pero á artesanía aínda máis porque estes son artículos de luxo... comer hai que comer e vestirse hai que se vestir, pero isto só se compra se hai algo de máis. Por iso a nós afectounos bastante a crise, pero aínda estamos aquí e no verán os turistas sempre mercan algo. Se non estiveramos no Castelo teríamos que pechar, pero así temos a oportunidade de seguir palillando.

-¿Hai relevo xeracional ou á xente nova cústalle seguir este camiño?

-Iso xa é máis complicado. Aquí, o Concello está pagando unha escola de palillo que vai por todos os lugares de Vimianzo e permite que as nenas empecen a palillar, pero como despois vén que isto non dá, que non ten futuro no eido profesional, e buscan outra forma de vida. Eu penso que ao que marche a nosa xeración, a que vén detrás non vai seguir con isto porque non dá para vivir. Pero polo menos teñen a oportunidade de aprender.

Os actos da novena Xuntanza de Palilleiras en Vimianzo desenvolveranse durante toda a xornada no pavillón municipal, que estará aberto de 10 a 19 horas e no que se darán cita as 700 palilleiras participantes. A inauguración oficial será ás 12 horas coa participación do alcalde, Manuel Antelo. Ás 13.30 haberá unha comida de confraternidade no restaurante Montevideo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Se non estiveramos no Castelo teríamos que pechar»