«Volver á Galicia sempre é unha alegría moi grande para nós»

A formación portuguesa actuará mañá na primeira Muiñada de Vimianzo

<span lang= es-es >Druidas da Rolda</span>. <span lang= gl >Abre o concerto o grupo composto por mozos e mozas de Vimianzo e doutros concellos da volta. No seu repertorio imperan os ritmos de pub irlandés.</span>
Druidas da Rolda. Abre o concerto o grupo composto por mozos e mozas de Vimianzo e doutros concellos da volta. No seu repertorio imperan os ritmos de pub irlandés.

Carballo / La Voz

Vimianzo converterase mañá nunha gran festa coa celebración da súa primeira Muiñada. Ademais de etnografía, xogos populares e gastronomía haberá moita música e baile tradicional. Polo seu escenario pasarán Druídas da Rolda, De Vacas, A Roda, a Liga Galega e A Quadrilha, o popular grupo portugués comandado por Sebastiao Antunes que xa ten visitado en ocasións anteriores a Costa da Morte.

-¿Como será a actuación do sábado?

-En primeiro lugar teño que dicir que estamos moi contentos porque non imos a Galicia hai dous ou tres anos e para nós voltar á Galicia é sempre unha alegría moi grande. Para nós é algo moi especial así que imos facer un concerto moi festivo con temas do disco novo, un cedé deuvedé que saíu en xuño e que se chama Prohibido adiviñar, e imos rescatar algunhas das músicas antigas e a presentar aos músicos novos que están a traballar connosco agora. Vai ser un concerto con moi poucas paradas no que haberá tamén música de Zeca Afonso. Vai ser unha noite de moita animación, de moita festa e moi enerxética.

-Alonxado pois da melancolía que rodea moita da música portuguesa que chega aquí.

-Si. Nós sempre que tocamos na Galicia facémolo de xeito festivo, sempre que preparamos espectáculos para Galiza préstanos moito máis facer unha festa coas persoas de aí e empregar a música máis relacionada cos temas festivos. Deixamos para outro tipo de concertos, en auditorios ou máis intimistas, esa outra música máis melancólica.

-¿Que agardan deste regreso á Costa da Morte?

-Xa estivemos en Laxe e tamén no Festival da Carballeira e sempre nos foi moi ben, así que esperamos que o sábado tamén teñamos unha boa noite.

-¿Por que esa prohibición no título do novo disco?

-Prohibido adiviñar porque este disco trae moitas cousas novas en comparación cos outros traballos que xa fixeramos. E como viña con tantas sorpresas o mellor é non tentar adiviñar o que vén alá dentro porque hai moitas cousas inesperadas, moitas tonalidades diferentes. Prohibido adiviñar é unha expresión moi popular en Portugal que se emprega para referirse a calquera cousa que non te esperas.

-O que si se sabe xa é que nesta ocasión mesmo xogan algo coa música electrónica.

-Esa foi unha das sorpresas porque a nosa música sempre partiu das músicas tradicionais. A nosa aproximación á música sempre a fixemos dun xeito tradicional, con instrumentos tradicionais, como o cavaquinho, e neste disco continuamos a utilizalos, pero tamén hai electrónica e deixamos a nosa creatividade un pouco máis solta. E resultou que vimos que quedaba diferente, que queriamos experimentar moitas cousas novas. Non é que nos estivésemos a buscar música electrónica, pero certamente coincidiu así.

-¿Seguen o que se fai musicalmente en Galicia?

-Hai algunhas cousas que si, porque temos moita relación con algúns músicos galegos, como Uxía, e estamos tamén en contacto sempre cunha cantante portuguesa que cantou moitos anos con Luar na Lubre, Sara Vidal. Tamén o estamos con grupos galegos que van tocar a Portugal. De feito, houbo unha vez unha revista que fixo un artigo sobre nós no que dicía que A Quadrilha é un grupo de Portugal que tocaba música galega. Iso é porque nós temos moita influencia da música que se fai en Galiza polo contacto, por experiencias, e sempre estamos moi atentos á música que se fai en Galicia e temos cedés da maior parte dos grupos galegos.

sebastiao antunes líder do grupo a quadrilha

«Vai ser unha noite de moita animación, de moita festa e moi enerxética»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Volver á Galicia sempre é unha alegría moi grande para nós»