En Ponteceso renderán homenaxe aos seus regueifeiros

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Os regueifeiros Suso e Antonio de Xornes, en imaxe de arquivo
Os regueifeiros Suso e Antonio de Xornes, en imaxe de arquivo Ana Garcia

Fundación Eduardo Pondal e Concello promoven un encontro para o vindeiro sábado 17

11 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Concello de Ponteceso e Fundación Eduardo Pondal organizan para o vindeiro sábado 17 de outubro un acto de homenaxe aos regueifeiros deste municipio. Farase coincidindo co Día do Patrimonio Inmaterial e terá lugar no salón de actos do local sociocultural de Xornes, dende as 18.00 horas. Abrirá unha sesión de radio-regueifa a través do proxecto Ponte nas Ondas, no que tomarán parte alumnado e mocidade de Bergantiños. Xa ás 19.00 botará a andar o acto en si, conducido por Alberto Liñares, profesor e participante na Escola de Regueifa de Carballo. Será a continuación a quenda de Domingo Blanco Pérez, un dos maiores estudosos da arte da improvisación, que desta volta presentará a investigación Cantadores improvisadores do concello de Ponteceso.

Chegando xa case ás sete e media da tarde está programada a intervención de Carmen Eiroa Barreira, Carme de Pardiñas. Coa súa voz ofrecerá un «petisco poético sobre regueifeiros de Ponteceso». A entrega de recoñecementos e honras dispúxose logo destes versos, con entrega de agasallos a regueifeiros vivos e a familiares dos falecidos. Por Cores, Ramón Álvarez (O Cadete), Eliseo Cotelo (Cotelo da Ourada) e Verdías de Cores. Por Pazos, O Camuzas. Por Tallo, Leonarda Fuentes Couto (Leonarda de Tallo) e Xosé Fernández Rama (Calviño de Tallo). Por Xornes, José García Amarelle (Mandián), Jesús Lema García (Suso de Xornes) e Antonio Rodríguez Carabel (Antonio de Xornes).

Precisamente Suso e Antonio, ponte entre os vellos regueifeiros e os novos tempos, ofrecerán como remate unha regueifa entre ambos, coronada por un peche musical a cargo da coral San Salvador de Pazos. Como actividades complementarias unha exposición de imaxes históricas e de documentos audiovisuais. Colaboran na iniciativa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Coral San Salvador, A Xolda, veciños de Xornes e Tallo, IES Eduardo Pondal, Ponte nas Ondas, Asociación Oral de Galicia e a Escola de Regueifa de Carballo.