Unha «aldea aberta» para tecer comunidade e aprendizaxe

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Unha das clausuras da Casa da Muller que se teñen feito no Couto
Unha das clausuras da Casa da Muller que se teñen feito no Couto

Outubro trouxo a O Couto, Ponteceso, moita actividade. Queren recuperar a danza de paus

07 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Asociación cultural Monte Branco, Fundación Eduardo Pondal e A Casa da Muller veñen de iniciar este outubro no Couto, Ponteceso, a programación que denominaron Aldea Aberta. Participación veciñal, cultura e aprendizaxe sitúanse no centro para tecer comunidade, favorecendo de paso autonomía, conciliación, igualdade e relacións interxeracionais, con especial atención aos maiores de 50 anos que non están en activo. As actividades desenvólvense na sede da fundación e na Casa dos Veciños, reafirmando, segundo dan traslado dende a organización, «a capacidade do rural para crear recursos sociais, culturais e educativos, fortalecer os vínculos comunitarios e combater a soidade».

Unha primeira parada foi a celebración da festa do Sacramento, o domingo 4 de outubro, unha cita que conecta co arranque das clases de Queixumes, xa este pasado sábado, en tanto que unha das metas deste proxecto é a recuperación da danza de paus do Santísimo Sacramento: conservación do patrimonio cultural.

Queixumes é un proxecto de música tradicional interxeracional no que participan arredor de cen persoas, con clases de danza tradicional, acordeón, piano, ukelele, gaita, percusión e pandeira. Con sesións mércores e sábados, o equipo docente intégrano Sara, Esther, Lucía, Sindo e Laura. Coordinará Silvana.

Este luns 5, por outra banda, botou a andar o almanaque de actividades da Casa da Muller, con propostas de luns a venres e continuidade ata o 18 de decembro. Costura, memoria, calceta, mindfulness, teatro, lectura, pirogravado e vidreiras, ximnasia de mantemento, cociña, novas tecnoloxías, cestaría e pintura son as opcións, da man das costureiras Manuela e Placeres, da terapeuta June, da psicóloga Teresa, da cesteira Teresa de Seara e O Son das Varas, de Ricardo, José María, da deportiva Eva, de Uxía e Saray, de Bautista e tamén de Suso. Moito a vivir.

Homenaxe a regueifeiros

De cara ao 17 de outubro, Día do Patrimonio Inmaterial, levarase a cabo no local cultural de Xornes unha homenaxe aos nove regueifeiros de Ponteceso, unha iniciativa de Fundación Pondal e Concello de Ponteceso, coa implicación de diversos colectivos veciñais. Por outra banda, para o día 23 quedará a presentación do libro A cociña do mar, de Juan Bautista Mato: será no Centro de Interpretación de Sinde, en Cabana, ás 20.00 horas. Hai que sumar a isto unha Cova Céltica para coñecer o libro A nova economía da aldea do século XXI, coordinado por Jaime Izquierdo e con sete experiencias, entre elas a do Couto: a data divulgarase en breve.