Brantuas e Niñóns abrazan un novo capítulo da súa historia

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Acto de presentación de «Carpinteiros de Brantuas e Niñóns»
Acto de presentación de «Carpinteiros de Brantuas e Niñóns» .

Gabriel Varela presentou a súa nova obra, desta volta sobre carpinteiros rurais destas parroquias 

08 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Gabriel Varela Pose (Brantuas, Ponteceso, 1949) conta que ten un xeito de ver as cousas que se resume nunha idea: «Eu, se estou aquí, é polas circunstancias que me precederon, o que houbo, e quen houbo, ata chegar a min. Se polo medio houbese un cambio de cromos, sería distinto, outro ente, pero eu non». Tirando desa idea é que leva anos e anos honrando e divulgando aquilo e aqueles que o precederon. Faino en forma de publicacións divulgativas, libros con todas as letras, e da man da Asociación Nosa Señora do Faro. Se ata o de agora ten escrito —son só algúns exemplos— de canteiros, arrieiros, zapateiros, tecelás, ferreiros, xastres ou músicos locais, neste 2026 internouse no mundo dos carpinteiros rurais destas parroquias. O resultado dese traballo de anos —ten gravacións cuxas voces incluso xa faleceron— presentouno o domingo nunha Casa de Veciños plena: «Non me podo queixar de nada», dicía onte.

Canda el estivo Xosé Manuel Varela, piar da edición literaria e como Gabriel di, «conselleiro espiritual»: «Se non fose por el, moitas destas cousas non se poderían facer». Na imaxe, e logo deles dous á esquerda, están Chucho do Xoano, José de Cristiño, José Ordóñez —presidente da asociación—, Suso de Marelle, Juan Vidal —tenente de alcalde— e Cristophner Varela Carabel, fillo este último de Jaime Varela, un deses carpinteiros que forma parte da publicación. «Dalgunha maneira sempre a tiven en mente», conta sobre a obra: «Meu avó era carpinteiro, e eu xa non o coñecín. Tiña iso aí metido e por iso quixen seguir por ese lado».

Ferramentas expostas durante a presentación da obra
Ferramentas expostas durante a presentación da obra .

O traballo, dividido en capítulos, abondoso en datos, nomes, experiencias, fotografías, é froito dun ir e vir na procura de información: «A calquera lado que vaia pedir algo sempre teño axuda», agradece. Gabriel di sentir un profundo «respecto» polos maiores e así é que «mingalla a mingalla» vai recollendo capítulos da historia local, duns tempos antigos que explican estes outros presentes.

Máis que haberá

Dá a idea de que Brantuas e Niñóns foron profundamente ricas en oficios, saberes e humanidade: «E aínda ten que dar moito máis de si». Haberá obra para o 2027? Ten que habela, avanza Varela Pose, que tamén agradece o traballo da asociación Nosa Señora do Faro, cuxa Semana Cultural concluíu onte. Hoxe é día grande, xornada de romaría, 8 de setembro.