«Sen o apoio do público, Milladoiro non tería chegado a case 50 anos nos escenarios»
PONTECESO
O grupo Milladoiro, referente absoluto da música galega, actuará este sábado en Brantuas, Ponteceso, dentro da Semana Cultural de Nosa Señora do Faro. Fala un dos seus fundadores, Xosé V. Ferreirós
02 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Sempre é bo volver a esas fermosas terras, tan ricas para o noso folclore», di Xosé Vicente Ferreirós, Pepe, ante o inminente concerto do grupo Milladoiro en Bergantiños. Será en Brantuas, Ponteceso, este vindeiro sábado (21.00 horas) e dentro da Semana Cultural que promove a asociación Nosa Señora do Faro. Ferreirós é un dos membros fundadores desta agrupación folk sen a cal non se entendería o pasado e o presente musical galego. Con Milladoiro foi o primeiro achegamento ao folk de moitos, e é natural: «Os nosos foron os primeiros pasos, tocounos estar alí naquel momento e comezar a andar, en instantes non moi esplendorosos para a música popular e para o galego. Eramos novos, a sangue fervía, había inquedanzas...», evocou onte en Radio Voz.
—Case 50 anos van xa. O concerto inicial remóntase ao 79, no colexio Salesianos da Coruña.
—E hoxe vémonos aínda con ilusión e ganas de seguir mentres a natureza nos deixe e a xente nos apoie. Cando comezamos queriamos facer algo, sen saber se aquilo ía conducir a algún sitio, pero hoxe miramos atrás e podemos dicir que si, valeu a pena. Eran tempos e circunstancias diferentes. Había a sensación de decadencia do popular, e por sorte non foi así. Non fomos só nós, senón una serie de xente, non moitos naquel momento, pero suficientes para remover conciencias e vontades. Empezou como unha árbore, de xeito mainiño, mais a cousa comezou a ir cara arriba, con forza... Sae o tronco, a póla...
—Abriron rego, como se soe dicir.
—Hoxe hai cantidade de oferta e xente traballando de forma voluntariosa para que isto siga. É que é a nosa identidade, o que nos define cara o mundo. Vemos con orgullo algo que naqueles momentos nos parecía difícil: poñer o noso folclore á altura do doutros países daquela máis asentados.
—E cando viron que funcionaba?
—Diso ás veces non te dás nin conta, é algo que te leva, se ben é certo que aquela presentación na Coruña xa nos deixara abraiados. Eramos sete persoas ás que nos gustaba o que faciamos, con ansias e coñecemento do que se facía por aí adiante, pero a sociedade estaba pechada... Pero a reacción a aquel concerto fíxonos ver que a xente estaba ansiosa por algo. Notábase porque os novos achegábanse. Para moita xente Milladoiro era novidoso. A idea era traballar pola música tradicional do noso país, dende a nosa óptica, pero sen perder nunca de vista os que estiveron detrás nosa. É moi importante non perder de onde vimos: iso sería como unha árbore sen raíces, esa árbore morre. Iso seguímolo tendo, e tamén outra cousa: gozar co que facemos e estar convencidos de que non é algo impostado, senón algo no que cremos. A xente, creo, percíbeo así.
—Achéganse ao medio século nun tempo no que todo vai rápido, a tema case diario... Como o levan?
—Imos a demasiada velocidade, penso. Hoxe á xente nova cústalle escoitar, perdemos o pouso de ver as cousas con perspectiva, mais non é culpa deles. O entorno é agresivo, lévannos de aquí para alá, chega a IA que xa compón... Teñen poucas ferramentas para loitar contra isto e eu, sinceramente, véxolle pouco arranxo.
—Fronte a iso, vostedes xiran cun disco, «Atlántico», que saía alá polo 2019. Traerano a Brantuas.
—Xa che digo! Imos con calma, pero non estamos parados. Preparamos para os 50 anos cousas novas.. para redondear esa data.
—O 2025 foi o ano das cantareiras. Milladoiro foi pioneiro cando naquel 1981 subiu a dúas pandeireteiras ao escenario. Eran Eva e Engracia Castiñeira, muxiás.
—Sendo un grupo instrumental, sempre nos preocupou dentro da nosa música popular a música vocal, cantada. A maioría procediamos de pobos pequenos, sabiamos das cantareiras, e foi algo que non quixemos deixar de lado. Cando tivemos aquela ocasión, por sorte... Era cousa de facer país.
—Bos e Xenerosos, medallas, o Goya pola música da película «La mitad del cielo» xa no 87... Os premios recoñecen todo iso.
—Non nos podemos queixar, pero con todo o máis importante é que fomos recoñecidos pola xente, que segue asistindo aos nosos concertos. Sen o seu cariño e apoio non teríamos chegado a esta altura, case 50 anos nos escenarios, sería algo imposible.
—Convide a ir sábado a Brantuas.
—Á xente de Bergantiños e da Costa da Morte, comarca que levo no corazón e na que coñecín a un dos grandes da nosa música tradicional, o cura Saturnino Cuíñas, diríalles que alí o que van ver é a súa música, pasada pola peneira doutros músicos, si, pero que segue sendo a súa. Iso é o que estará presente en Brantuas.