A solidariedade pon rumbo a Ponteceso: este domingo 24, macrosesión vermú polo Síndrome Rett

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

María e Daniela son dúas das pequenas da Costa da Morte con Síndrome Rett
María e Daniela son dúas das pequenas da Costa da Morte con Síndrome Rett ANA GARCÍA

«Axudar nunca foi tan divertido», convidaban hai uns días. Música da mañá á noite, coches clásicos e, como novidade, concentración moteira 

20 may 2026 . Actualizado a las 16:04 h.

A forza solidaria da Costa da Morte, Galicia e España enteira ten este domingo 24 de maio unha cita en Ponteceso. Alí, no entorno da Praza do Recheo e por cuarto ano consecutivo, levarase a cabo unha macrosesión vermú solidaria para recaudar fondos para a investigación do Síndrome Rett, que nesta comarca padecen pequenas como Daniela Novo Garrido o María Hermida Cuns. Máis nomes propios: Julieta, Jessica ou Elena.

Neste eido da música, e a favor da asociación Mi Princesa Rett, a iniciativa incluirá as voces e o talento de Laura Añón, madriña galega da proposta, Paco Lodeiro, César Romero, Yennia X, Begoña García, Capitán Sabrosura, Eric Hidalgo, Parawy, Dani Gigirey, Clara Amado, JJ Compota, Oliver Insua, Ángel Mosquera, Awa Fami, Jenny, Drew Korme, DJ Ray, DJ Luciano Macaro ou Suso e Antonio de Xornes, regueifeiros. «Cuarto aniño que xente solidaria de toda Galicia e España nos unimos dende a mañá á noite, para comer, beber, bailar, divertirnos e aportar o noso graniño de area», publicaba semanas atrás Laura Añón. «Axudar nunca foi tan divertido», convidaba tamén o Concello de Ponteceso. 

Unha macropaella feita na edición 2025 desta convocatoria solidaria
Unha macropaella feita na edición 2025 desta convocatoria solidaria BASILIO BELLO

Non faltará, pois, o apartado gastronómico, pero tamén volverá haber xuntanza de coches clásicos e, como novidade, unha concentración e ruta moteira solidaria a cuxa organización se une Fran Gómez Pallas, recente gañador na súa modalidade do prestixioso rally Dakar. O porto de Malpica, o faro Roncudo de Corme ou Buño serán algunhas das localidades que transitará o percorrido, así como a Praza do Recheo, epicentro de toda a actividade. 

Unha imaxe da celebración en Ponteceso no ano 2024
Unha imaxe da celebración en Ponteceso no ano 2024 ANA GARCÍA

Esta macroxornada solidaria volverá ser posible coa suma de moitas forzas, dende os colaboradores a locais comerciais e, por suposto, os asistentes. Por iso é tan importante acudir: «Só co simple feito de asistir ou comer ou tomar algo xa se está aportando algo á causa», ten trasladado Añón.