Percorrido formativo | Félix Neira deu a coñecer a profesores os elementos artísticos de varias igrexas bergantiñás
22 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«A su iglesia benefició con todo, sobre todo a los pobres». Así reza a lápida da tumba de José Bermúdez, finado en 1828 aos 33 anos despois de levantar o novo templo parroquial de Brantuas (Ponteceso). Foi un dos visitados o sábado dentro dun programa formativo e divulgativo do Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Vimianzo, en colaboración cos cregos de Brantuas, Pazos e Tallo, a asociación Nosa Señora do Faro, Coral de Pazos, Fundación Eduardo Pondal, Concello de Ponteceso e a poeta Carmen Eiroa Barreira.
E todo baseado na tese de doutoramento de Juan Félix Neira Pérez, que guiou o percorrido interpretativo pola baixa do Anllóns coordinado por Xosé Manuel Varela.
O conxunto parroquial de Brantuas, con igrexa e cemiterio, semella en si mesmo unha oración de granito, traído de Nariga. Félix Neira, nun alarde de memoria prodixioso, ía debullando datas, estilos artísticos e historia. O templo é neoclásico, con puntos barrocos. A imaxe do patrón da portada foi roubada nos anos sesenta. Hai 10, Anxo Cousillas fixo un novo san Xulián. A fachada é semellante á de Cores, se ben con 100 anos de diferenza. O retablo maior e moitas das imaxes teñen o atractivo típico das obras de José Ferreiro. Tamén se para Neira Pérez na ourivería, parte dela obra de Blas Espín. Nada lle é alleo.
A ermida dos Ánxeles tivo outra parada. É do século XVIII, pero o arco da portada é do XVI, igual que a cúpula do altar.
En San Xoán de Niñóns é de admirar o lavadoiro monumental e un sartego medieval que se conserva no atrio, un balcón ao mar. O templo é século XVIII. As súas paredes amosan os cambios sufridos ao longo do tempo.
O percorrido chegou a Santa Mariña, onde os asistentes respiraron o azul atlántico e admiraron o enclave. Logo houbo un xantar de confraternidade en Brantuas. Continou a xeira ata igrexa de Pazos, onde actou a coral, e rematou Félix Neira destacando a ventá románica e outras particularidades de Tallo, e Carmen Eiroa, cun recital.