Intensa Semana Cultural no instituto Eduardo Pondal de Ponteceso 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

O xenetista Ángel Carracedo visitou o instituto pontecesán un ano máis
O xenetista Ángel Carracedo visitou o instituto pontecesán un ano máis .

Vén de rematar a 24.ª edición desta iniciativa, cunha amplísima e diversa programación no centro 

12 abr 2026 . Actualizado a las 17:36 h.

Hai festivais, a bo seguro, con menos programación que a que vén de ter o instituto Eduardo Pondal de Ponteceso na súa 24.ª Semana Cultural. O balance do centro é do máis positivo, catro días plenos de actividade na que é unha das citas máis relevantes do curso neste centro educativo. A preparación da 25.ª edición xa bota a andar, e será especial, por ese cuarto de século. Na xa rematada, a programación foi organizada e coordinada polos diferentes departamentos didácticos, tamén con implicación directa do alumnado, forxando así un menú amplo, diverso e integrador na procura «dun espazo aberto á convivencia, ao intercambio de experiencias e á aprendizaxe activa». 

As iniciativas orientadas a fortalecer as competencias clave estiveron ben presentes, pero tamén os obradoiros, de costura, cesteiría, gravado, ioga, ecopercusión, elaboración de potingues ou toma de constantes vitais. Trataron a educación emocional e o benestar, e innovaron con rally de pintura a cegas, competicións de cambio de rodas, karaokes en inglés ou convivencia.

Obradoiro de cesteiría
Obradoiro de cesteiría .

As charlas, faladoiros, demostracións e encontros permitiron abordar o uso das redes, a memoria democrática, a orientación laboral, a prevención de lesións ou a IA, todo iso en colaboración con entidades e institucións como UDC, USC, Vieiro, Agareso, Visibles, Fundación CIEC, CITIC, Cogami, Apem, ou Íntegro. En rostros, destacadas figuras do ámbito científico, cultural e divulgativo pasaron polo instituto, como o xenetista Ángel Carracedo no Café Científico, Montse Fajardo, J. M. Monterroso, José Luís García Meniño, Alex Gándara ou Álex Ferradás. Non lles faltaron, ademais, nin monólogos nin proxeccións. 

A aprendizaxe, con todo, non só foi nas aulas. Houbo asistencia ao musical Lúa, da Orquestra Sinfónica de Galicia, ou participación na I Liga de Debate de Galicia. Tamén rutas pola ensenada da Insua. E coincidiendo coa Semana Cultural, o alumnado participante no programa Erasmus+ viaxou a Rennes, mentres que o departamento de Francés promoveu unha inmersión lingüística en La Rochelle, igualmente no país galo.