Impulsan dende Ponteceso «Roteiro dos sentidos: da pedra ao mar»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Presentación da proposta, na sede da Fundación Pondal este venres
Presentación da proposta, na sede da Fundación Pondal este venres ANA GARCÍA

A proposta, promovida pola Fundación Pondal e o Concello, trata de poñer en valor o patrimonio integral do municipio durante a primavera

13 abr 2026 . Actualizado a las 23:54 h.

Nova iniciativa en Bergantiños. Vén de presentarse o proxecto Roteiro dos sentidos: da pedra ao mar, unha iniciativa promovida pola Fundación Pondal e o Concello de Ponteceso para poñer en valor o patrimonio integral do territorio. A proposta une divulgación educativa, experiencia cultural e promoción turística sostible, e ofrécese tanto para alumnado de colexios de toda Galicia como para público adulto, arredor dun percorrido polos principais museos, espazos naturais e culturais do municipio. Así, tamén apoian a convocatoria o Museo Etnolúdico de Galicia (Melga) ou o Museo de Corme. 

O itinerario que sostén este Roteiro dos sentidos integra distintas dimensións do patrimonio pontecesán: literaria, científica, pictórica, etnográfica ou xeolóxica. Hai nel figuras de referencia como Eduardo Pondal, Isidro Parga Pondal, Mourelle de la Rúa, Manuel Pailós ou José María Mosqueira Manso. Tres eixos: educativo, achegando un coñecemento do territorio dende unha perspectiva interdisciplinar; turístico-cultural, ofrecendo unha experiencia de calidade; e sostibilidade, integrando recursos locais como a gastronomía ou os servizos no desenvolvemento da actividade. 

O Roteiro viviríase en xornada completa, pola mañá no Melga ou no monólito pondaliano. Monte Branco e Balarés quedarían para a mediodía, e Corme (aldea-Museo), co seu cabo Roncudo, para a tarde. Pensouse, con todo, en dous enfoques diferenciados: un para escolares, con unidade didáctica previa, xogos e actividades de campo, e outro para adultos, afondando nas biografías, entrando en contacto con redeiras ou reservando tempo para as degustacións. 

Os colexios interesados poden contactar coa Fundación Pondal, co Melga ou co Museo de Corme. Tense feito antes de Semana Santa unha xornada experimental con alumnado do colexio Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, resultando «todo un éxito»: agradou a estudantes e docentes. Tomaron parte na presentación José Manuel Mato, alcalde de Ponteceso; Xosé María Varela, presidente da Fundación Pondal; Alfonso Gómez, alcalde de Xinebra de orixe cormelán; Xosé Manuel Varela, investigador e divulgador de patrimonio; Suso Lista, guía, e Ricardo Pérez y Verdes, presidente da Fundación homónima.