Patrimonio relixioso, recurso educativo en Ponteceso 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Presentación da xornada, na mañá de onte, na capela de Ponteceso
Presentación da xornada, na mañá de onte, na capela de Ponteceso BASILIO BELLO

A xornada «O patrimonio histórico e a cultura local como recurso educativo» levarase a cabo o 18 de abril. Foi presentada onte

22 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado 18 de abril, de 10.00 a 18.00 horas • A capela de Santa Mariña, en Ponteceso, foi o lugar onde se presentou, na mañá de onte, o programa da acción formativa e divulgativa O patrimonio histórico e a cultura local como recurso educativo: Ponteceso. Trátase dunha iniciativa do Centro de Formación e Recursos do Profesorado (Vimianzo), co apoio do Concello pontecesán, párrocos de Brantuas, Pazos e Tallo, asociación Nosa Señora do Faro, coral de Pazos, Fundación Pondal e a poeta Carmen Eiroa, Carmen de Pardiñas.

Segundo deron traslado, o patrimonio relixioso das parroquias de Ponteceso eríxese como conxunto de alto valor histórico, artístico e de identidade. Con todo, o «descoñecemento parcial dos seus bens mobles e inmobles» xustifican unha acción de divulgación «que combine formación rigorosa en historia da arte relixiosa local, visitas in situ e a implicación da comunidade parroquial». Haberá teoría e roteiro interpretativo, coas paradas titorizadas polo historiador Juan Félix Neira Pérez, autor dunha tese de doutoramento sobre o arciprestado de Seaia. Como obxectivos últimos, «promover o coñecemento, valorización e conservación». Todo este programa levarase a cabo en xornada única, o sábado 18 de abril de 10.00 a 18.00, acudindo a ermidas e igrexas de Brantuas, Os Ánxeles, Niñóns, Pazos e Tallo. Contexto histórico-artístico, tipoloxía de templos, retablística, patrimonio moble, elementos destacados...