A primeira será o 7 de novembro: todas as citas, ás 21.00 horas, e de balde
02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Teatro en Carballo, en Vimianzo, en Ponteceso, en Malpica e tamén na Laracha. Volven, neste último caso, os Venres Teatrais, ciclo que o Concello larachés referencia como un dos máis agardados e que este ano amplía a cinco funcións: todas na Casa da Cultura, ás 21.00 horas, para maiores de 13 anos e con acceso de balde.
Volve darse a diversidade de temáticas e estilos, con presenza do humor, da reflexión ou da innovación teatral, para abordar cuestións como o impacto da tecnoloxía, a igualdade de xénero, a convivencia ou o individualismo. Quere con todo isto o Concello larachés apostar por unha cultura «accesible e de calidade», ofrecendo aos veciños «as mellores producións teatrais galegas». Conta para iso co apoio da Deputación da Coruña e do Ministerio de Igualdade. As funcións:
- 7 de novembro • Go home!, de Etiqueta Negra, con David Amor e Josito Porto.
- 14 de novembro • Un deus salvaxe, de Talía Teatro.
- 21 de novembro • Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións. Peza ligada á conmemoración do 25N.
- 28 de novembro • Nas nubes, con Redrum Teatro.
- 5 de decembro • Tolóptica, de Código Azul, antes de dar paso ao ciclo de Nadal.