
Avance de programación | Conta atrás para un intensísimo 17 de maio na aldea do Couto, en Ponteceso, da man da Fundación Eduardo Pondal
08 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.17 de maio • A medida que avanzan os trazos do novo mural de Yoseba MP na aldea do Couto, en Ponteceso, avanza tamén a conta atrás para o 17 de maio e para o «Semente Festiletras» organizado dende a Fundación Eduardo Pondal co apoio de varias institucións, dende o Concello á Deputación ou a Xunta. O traballo de Yoseba leva por título Cantareiras, e inaugurarase ese día, ás 13.00 horas, coincidindo ademais cun roteiro teatralizado pola aldea a cargo de Yago Espasandín. Antes e despois diso, moita outra actividade.
O Día das Letras Galegas principiará no Couto con pregón de Fina Casalderrey, ás 10.30: Lembrando a Alba de gloria de Castelao. Seguirán unha interpretación musical a cargo da cantareira Icía Varela e tamén unha serie de obradoiros repartidos por distintos puntos, dende a lareira da fundación á Praza do Quinteiro ou cabanotes: interpretación de pandeireta con Suso Vaamonde, construción de pandeiretas con Sanín, baile tradicional con Olga Kirk, palestra de letras con Xabier Díaz e cestería con O Son das Varas. Tamén dende as 11.30, no Quinteiro, haberá exposición e venda de artesanía e libros en galego. Xabier Blanco levará a esencia da Fundación Legar ao salón de actos (12.30), unha entidade que ten por obxectivo principal a difusión e preservación, conservación, mellora, protección, seguimento e desenvolvemento da música de raíz. Choiva Viños xunguirá letras e caldos (12.35 horas, no tornarratos) e os máis pequenos de distintos puntos da comarca participarán dunha foliada infantil das 13.30 horas en adiante. Esta precederá a unha sesión vermú a cargo de Bestas (14.30). «Dispostas a desbrozar», din nas súas redes, unha banda nova do tradicional ao punk rock.
Nas primeiras horas da tarde, o entretemento estará asegurado con xogos tradicionais da man do Museo Etnolúdico, e seguirá a artesanía con Elena Ferro e un obradoiro de zocos e coiro. Beatriz Campos ensinará a contar un conto e xa para as 17.00 horas, no salón de actos da fundación, está programada unha Cova Céltica arredor de libros destas Letras e as recollidas no territorio galego. Coordinará a xornalista Marta Villar este encontro do que tomarán parte Domingo Blanco (Poesía popular galega, Xerais), José Manuel Fernández Pensado (As Vellas de Mens, Galaxia), Antonio Reigosa (Galicia encantada), Xosé Manuel Varela (Cantareiras, Xerais) e Patricia Blanco (As voces da terra, La Voz de Galicia).
Unha misa cantada e unha ofrenda floral cos acompañamentos de Irma Macías, Luís Pinto, A Fuliada e a coral Oliveira precederá a entrega dos Premios Bos e Xenerosos (19.00), concedidos a Aturuxo, Leilía, Milladoiro e Antón Santamarina. Blanca Represas e Irma Macías sumarán talento ao acto, que logo dará paso aos concertos de Xabier Díaz & Adufeiras e Catuxa Salom (21.00, carpa das Letras).