Xosé Lois García, alcalde pontecesán: «Nin as grandes cidades teñen o que hai aquí, en Ponteceso»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

.

A carreira electoral | O programa electoral socialista inclúe propostas en tódalas parroquias

21 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Lois García Carballido é o alcalde de Ponteceso. Agora preséntase á reelección cos deberes feitos para poder desenvolver un ambicioso programa co que lograr que o municipio continúe o se desenvolver e medrar nos próximos catro anos. «O noso programa son os feitos». Ese é o lema electoral co que participa nos comicios, encabezando a lista do PSdeG-PSOE, nas eleccións que se celebrarán o día 28 de maio. Entre os principais compromisos está un asumible plan urxente para dotar de servizos ás parroquias, pero tamén retos máis ambiciosos como a construción dun auditorio e unha piscina olímpica ou dunha residencia para personas maiores.

—O seu lema é «o noso programa son feitos». A cales se refire en materia de servizos sociais?

—Temos familias en vivendas públicas por só 60 euros ao mes e catro casas do maior en marcha, dúas en O Couto, unha na Campara e a outra en Corme Aldea. Tamén unha axuda no fogar mellorada con maior pago por hora ás traballadoras ca nunca e a proposta dunha residencia de maiores pública pola Fundación Amancio Ortega que será interxeracional porque estará ao lado da Galiña Azul, con persoal de prácticas da Formación Profesional sociosanitaria que conseguimos. Será un centro único en Bergantiños, coa metade das prazas para maiores de Ponteceso, e máis vivendas sociais para mozos e familias. Temos un cento de medidas para as familias.

—E en infraestruturas?

—Programamos un plan urxente de saneamentos, abastecementos e asfaltados nas parroquias cos 2,2 millóns de aforros que temos bloqueados pola oposición. Seguiremos facendo sendas, como as de Xornes e Tella, en todas as parroquias, con énfase na seguridade viaria. Para comercio e as parroquias, están previstos 80.000 metros cadrados de aparcamentos. Entre os nosos proxectos está tamén dotar dunha pista polideportiva cuberta a cada parroquia. Imos comezar este mesmo ano pola de Tella. Tamén é fundamental un plan especial para o auditorio e a piscina olímpica de 50 metros xusto detrás do instituto Eduardo Pondal.

—É certo que Ponteceso é o Concello máis saudable de España?

—Dende logo que si, todos nos queren copiar. Temos ximnasio e pádel gratuítos 19 horas por día e tódolos días, cunha chave dixital. Tamén vela, kayak e pádel surf no estuario do Anllóns e na praia do Osmo no verán, que non existían. Fixemos unha pista multideporte nos 10.000 metros cadrados de parque que conseguimos de Costas, unha demanda histórica en Ponteceso. Investimos 800.000 euros nos campos de fútbol, os mellores de Galicia de herba artificial. Pronto imos ampliar vestiarios e gradas no Cairo e no Pinguel, pero o gran reto deste mandato é a piscina olímpica climatizada detrás do instituto Eduardo Pondal.

Basilio Bello

—Cal foi o éxito da promoción do emprego?

—Conseguimos ter o único polígono con naves en aluguer con opción a compra. O polígono de Tella medrou máis que ningún en concellos do noso tamaño. Os que teñen polígono non arrancan, e os demais prometen, pero non fan nada. Aquí, a primeira fase case está completa e imos pola segunda xa. Temos tres plans de emprego social e somos o único concello de Bergantiños que os ten, con récord de contratación, máis de 400. As naves de Tella a 60 euros mes durante cinco anos para persoas emprendedoras van ser un éxito.

—Polo que respecta ao turismo. En que momento estamos?

—Cun éxito nunca visto das nosas festas gastronómicas, a Festa do Percebe, a Feira das Fabas, a Festa Marisqueira... E máis apoio ca nunca para as comisións de festas, con axudas para carpas, electricidade, servizos, limpeza... Os Fogóns do Anllóns, con 1,5 millóns de euros, foi unha idea precisamente de Ponteceso. Ese proxecto inclúe unha pasarela ou paso peonil entre Neaño e Anllóns. Será unha ponte pendurada entre os lugares de Castro e O Bosque. Están en dúas parroquias que están moi preto, pero separadas polo río. Camiño dos Faros será o pregoeiro da Festa do Percebe, e meréceno. O proxecto de reforma da escola de Corme, para o coro e as pandereteiras, xa está feito, e o do albergue xuvenil, con ximnasio gratis no ático e con vistas ao mar no Campiño, vai moi avanzado.

—E en medio ambiente?

—Entre outras cousas, fomos o primeiro concello en xardíns premiados e en recollida de aceite porta a porta. Agora veñen todos atrás de Ponteceso.

—Son referentes tamén en cultura?

—As Festiletras teñen o maior apoio ca nunca por parte do Concello e da Deputación. Tamén melloraron moito o entroido, os Reis e o Nadal en xeral e outras actividades. Neste tempo tamén editamos a biografía do Almirante Mourelle da Rúa e fixemos de Eduardo Pondal un referente en toda Galicia coa Fundación. Ofrecemos iniciativas tan importantes e novas como robótica para nenos, campamentos e formación para monitores mozos. Nin as grandes cidades teñen o que hai aquí, en Ponteceso.

«O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, é o noso grande aliado»

Na recta final da campaña electoral, o alcalde de Ponteceso fixo un reconto tamén de tódalas melloras que foi quen de facer nos últimos trece anos. Foron iniciativas importantes no eido do desenvolvemento económico, sobre todo en materia de turismo, industria e emprego, pero tamén en cuestións fundamentais como a cultura e o medio ambiente. Tamén expuxo as propostas que ten para os vindeiros catro anos, para as que serán necesarios fortes investimentos. «Nós sabemos facer máis con menos», di Xosé Lois García Carballido

—Son bastantes compromisos os que vostede está a adquirir na campaña electoral. Como se van financiar?

—Somos os máis eficientes na administración e no uso dos fondos europeos. Cantos concellos non empezaron aínda e nós xa estabilizamos dezanove postos de traballo da Administración municipal, cunhas bases que se fixeron de acordo cos representantes sindicais. Doutra banda, dos parques eólicos, xa ingresamos 951.000 euros, mentres que a oposición, cando gobernaba, non lles cobraba. Algún día terán que explicar por qué, cal foi o motivo. E temos tamén sete millóns de euros de obras en marcha. Están a planta de Sogama, as sendas de Lestimoño, a ponte de Xavarido, a auga de Langueirón, os tubos da Trabe para evitar a inundacións no centro da vila de Ponteceso e a separativa de augas pluviais e fecais en Corme. Nós sabemos facer máis con menos. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, é o noso grande aliado, por iso investiu 600.000 euros na estrada de acceso a Corme, entre Pazos e A Campara. Para os nosos veciños e empresarios quitamos as taxas de terrazas á hostalería, e levamos oito anos cos impostos conxelados.

—Por que considera que o día 28 vai sacar unha maioría folgada como hai catro anos, cando a lista que lideraba obtivo oito concelleiros?

—Porque Ponteceso non quere un sextapartito, unha subasta de intereses, nin que se vote en contra do pago de facturas aos autónomos. Toda a oposición vai levar un castigo histórico por facerlle perder catro millóns de euros que eran de todos e todas os veciños e veciñas de Ponteceso. Nós estamos traballando sen cobrar e eles están a rexeitar subvencións para o pobo. Merecen desaparecer da vida política para que en ningún concello, nunca, un concelleiro vote en contra do seu pobo.