Manuel Rivas, María Canosa, Manuel Facal e Pilar García, nomeados Bos e Xenerosos 2023

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

O galardón, concedido pola Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, seralles entregado o vindeiro 17 de maio, Letras Galegas, durante a celebración de «O Dezasete»

30 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos compases de abril vén de difundir a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso a súa programación para O Dezasete, Día das Letras Galegas. Unha xornada ateigada de propostas, entre as que destaca a entrega, un ano máis, dos premios Bos e Xenerosos, un galardón con todo o significado do verso do bardo e que recoñece non só traxectorias persoais, senón o traballo a prol da cultura galega, da colectividade. Os escritores Manuel Rivas e María Canosa, o gravador Manuel Facal e a presentadora e xornalista Pilar García Rego son os nomes escollidos este 2023 polo padroado da fundación. A traxectoria de Rivas gardou sempre un lugar para O Couto, a aldea das Festiletras, «almeiro» de cultura, como ten dito. Non menos ligazón ten Canosa, que superou xa a barreira do medio cento de publicacións individuais e é, ademais, non só filla das Festiletras, medrada canda elas, senón filla doutra xa recoñecida como Boa e Xenerosa, Concha Blanco. Facal, o artista máis internacional de Carballo que nunca esquece as raíces bergantiñás, e García Rego, condutora entre outros proxectos do programa Alalá, que tanta sabedoría e cultura popular difundiu, seguirán agrandando a historia destes galardóns que na súa primeira edición, no ano 2009, foran recibidos por Díaz Pardo, Neira Vilas e Anisia Miranda. Eles tres, precisamente, quedarán retratados ata que o tempo queira nun mural de Mutante Creativo que será inaugurado este 17. Inllar, o presidente da Fundación Neira Vilas, Mero Iglesias e A Quenlla, unha ofrenda floral, a saxofonista Blanca Represas, xogos, artesanía, libros, unha mostra do 75.º aniversario da orquestra Venus, Berto e un Xantar das Letras completarán o día, de 11.00 a 18.00 horas.