Luz verde a un proxecto para asentar futuro no Couto co saber dos maiores

p. b. m. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Foro de Muller emprendedoras celebrado en O Couto en el mes de noviembre
Foro de Muller emprendedoras celebrado en O Couto en el mes de noviembre ANA GARCIA

É unha proposta dirixida a voluntarios que superan os 55 anos e que non teñan ocupación e a menores de 35 con inquedanzas e curiosidades.

28 dic 2022 . Actualizado a las 21:20 h.

A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia vén de dar luz verde a unha nova iniciativa da Fundación Eduardo Pondal. Leva por título Os tempos son chegados: o teu talento, o meu futuro, e terá O Couto como centro de operacións, unha aldea que, como a entidade expón no seu argumentario, non é allea á problemática do envellecemento poboacional, ao despoboamento e á ausencia de oportunidades de emprego para a mocidade. O teu talento, o meu futuro é unha proposta dirixida a voluntarios que superan os 55 anos e que non teñan ocupación e a menores de 35 con inquedanzas e curiosidades. «O obxectivo é aproveitar o talento e a experiencia das persoas maiores voluntarias implicadas para contribuír a xerar máis oportunidades para a mocidade», describen. Aínda máis, oportunidades axeitadas ás necesidades do rural. Un fortalecemento, pois, da conexión interxeracional, dos anos como activo a valorar e da transferencia de saberes, dentro de dúas liñas acaídas ao potencial que ten Ponteceso: agroalimentación e turismo.

No caso da agroalimentación, farase fincapé na promoción do turismo rural a través da arqueoloxía e a ornitoloxía. Exercerán como «mentores maiores» Ana María Romero Masiá, arqueóloga; Evaristo Domínguez, mestre xubilado, e Xosé Luís Rabuñal, ornitólogo. No caso do turismo, a idea é pulsar iniciativas con posibilidades de mercado na transición cara unha economía circular e sostible, mediante a agroecoloxía e a costura. Neste caso, as persoas mentoras serían Teresa Mosqueira, modista, e Lucía Lorenzo, propietaria da Granxa Casa dos Caseiros. As sesións de traballo serían mensuais, tendo enfronte estes cinco mestres a outros tantos mozos de entre 16 e 35 anos seleccionados entre os habituais colaboradores da Fundación Pondal.

Con dez voluntarios participantes, por tanto, os beneficiarios indirectos, calcula a entidade promotora, subirían moito máis, a 280 persoas: os 80 residentes habituais da aldea do Couto e as 200 persoas que, aproximadamente, participan ao longo de todo o ano nas actividades da fundación. A fase de extracción de coñecemento derivaría na posta en marcha de alomenos dúas iniciativas de emprendedurismo rural. Para a posta en marcha deste proxecto, a desenvolver en dous anos, 2022 e 2023, a subvención solicitada a Política Social foi de 15.000 euros. Inclúese, entre outras accións paralelas, a elaboración de dúas pezas audiovisuais vinculadas a cada grupo interxeracional.