O centenario da morte de Murguía xunta ás fundacións do Rexurdimento

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

De esquerda a dereita: Antonio Piñeiro, Xosé María Varela, Anxo Angueira e Gustavo Adolfo Garrido
De esquerda a dereita: Antonio Piñeiro, Xosé María Varela, Anxo Angueira e Gustavo Adolfo Garrido Ana García

Representantes das fundacións Pondal, Rosalía, Curros, ademais da de Carlos Casares, xuntáronse en Ponteceso o mesmo día que se conmemorou o 115 aniversario da primeira interpretación do Himno Galego

21 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As fundacións dos autores do Rexurdimento, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, xunto coa de Carlos Casares, decidiron unir esforzos para conmemorar o centenario da morte de Manuel Murguía (17 de maio de 1833-1 de febreiro de 1923). Os representantes destas entidades celebraron onte unha Cova céltica en Pazos (Ponteceso) coa intención de fixar os piares dun plan de actividades coas que destacar a efeméride e, ao tempo, poñer o Rexurdimento de actualidade.

O encontro estivo enmarcado na conmemoración do 115 aniversario da primeira interpretación do Himno galego en La Habana, o 20 de decembro de 1907, coa letra de Pondal e a música de Pascual Veiga.

As iniciativas que pretenden levar a cabo ao longo do vindeiro ano son, en principio, catro. A primeira delas consistirá la convocatoria dun concurso dunha experiencia de oralidade en relación á vida ou obra de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Estará planeado para varias categorías e que terían as vilas das tres entidades como escenarios.

Outra consiste na convocatoria conxunta con agrupacións literarias de Galicia e Portugal co programa de Aldeas literarias como marco. A idea é que se leve a cabo nos primeiros meses do ano.

Caldo de gloria

Por outra banda, na sede das tres fundacións, en concreto nas súas respectivas lareiras, elaborarase o 24 febreiro, día do nacemento de Rosalía, un caldo de gloria, que será distribuído entre as persoas que ese día visiten as sedes das agrupacións. O caldo de gloria é unha receita que aparece no poema Miña casiña, meu lar da poeta padronesa. Por último, e con ocasión do centenario da morte do primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel Antonio Martínez Murguía, celebraranse unhas xornadas para divulgar o impacto da súa obra no devir da cultura galega.

Na reunión de Ponteceso estiveron Xosé María Varela, xerente da Fundación Pondal; Anxo Angueira, presidente da de Rosalía de Castro; Antonio Piñeiro, pola de Curros, e Gustavo Adolfo Garrido, secretario da de Carlos Casares, autor que deixou importantes traballos sobre o Rexurdimento.