Grande afluencia na xornada de portas abertas do Melga, polas Letras Galegas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Xornada de portas abertas no Melga de Ponteceso
Xornada de portas abertas no Melga de Ponteceso

Xa está próxima unha nova actividade: este vindeiro domingo 22, décima edición do Aberto de Billa 

20 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das propostas en Ponteceso para o Día das Letras Galegas foi a xornada de portas abertas no Museo Etnolúdico, o Melga, unha iniciativa da Fundación Pérez y Verdes e do Concello de Ponteceso. En horario de mañá e tarde, visitantes de aquí e alá podían coñecer este espazo, con opción ademais de tomar parte nunha visita guiada por Ricardo Pérez y Verdes. Fala este último de «desborde» en ocasións, dada a cantidade de persoas que se achegaron.

Deixa a actividade unha grande «satisfacción», en tanto que foi o mellor 17 de maio dos oito anos que leva funcionando o Melga. Un día de «récord», e ademais de verdade, pois o mozo Yago bateu o récord no xoga das casas: 70 puntos despois de varios exercicios «atascados» nos 65. Con estas boas sensacións agarda xa o museo pontecesán pola súa próxima actividade, o décimo Aberto de Billa: este domingo 22, das 10.30 horas en adiante, con inscrición no 981 715 442. Será a derradeira xornada da Liga da Conferencia Noroeste.