O Camiño do Arrieiro, tramo 6: De Beres ata a Fonte Roxás

Luis Giadás

PONTECESO

Senderismo
Pixabay

NOVA ENTREGA DE LUIS GIADÁS | Así continúa a ruta, desta volta con Eduardo Grela como guía

19 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Beres de Arriba, o noso guía será Eduardo Grela, Lalo da Taberna do Xastre, entusiasta coñecedor da súa terra. Con el proseguiremos o itinerario, saíndo desta aldea polo caserío de As Xirifas (privatizado un anaco do Camiño Vello, polo que hai que desviarse un chisco, por detrás destas vivendas), ascendendo pola Costa de Beres, onde se mantén o topónimo de A Taberna aínda que non existe nin se lembra de que alí houbera algunha. A única taberna que existía no século XVIII era a de Domingo Amado, do que falaremos máis adiante, e ubicábase en Baneira. Deixamos á dereita a estrada á igrexa de San Xoán do Esto, pola Granxa, e á esquerda a vía que descende a Beres de Abaixo e Teixedo. Deixamos atrás o depósito de auga.

Esta Costa de Beres conserva rastros da antiga calzada de pedra. Pasamos a rentes do sinxelo cruceiro do Campo Sampil, confundido co piñeiral que o arrodea: escueto Cristo, ausencia da Virxe; caras a un e outro lado do capitel. Sampil chámase así mesmo un pobo de Zamora, outro de Sober e, en Celanova, un camiño é a Corga de Sampil. É unha variante de san Pedro (padroeiro de Silvarredonda, parroquia lindeira con este Campo, que pertence aínda a O Esto), como Sampir, Sampín ou Semper. Anotemos que, alomenos dende o século XIV, Sayoane do Esto (San Xoán Bautista do Esto) pertencía ao mosteiro de Santiago de Mens: en 1505, o abade do devandito mosteiro (situado onde hoxe está o cemiterio vello de Mens) preitea con Juan de Lama, veciño de O Esto, por impago de rendas.

Coa súa amabilidade acostumada, Lalo envíanos á casa de Daniel Regueira, Daniel da Beira, en Beres de Abaixo. Damos fe de que Daniel é un dos mellores coñecedores do que el denomina o Camiño Petrucial das Feiras e veciños coma el poden asesorar ao concello de Cabana sobre o roteiro restante ata o Alto da Baneira, xa que, a partires de cruzar a estrada Ponteceso-Agrilloi despois do Campo Sampil, só a forza de fouce subimos moi penosamente. «Rematouse a estrada dende A Mata ata Ponteceso no ano 1959 —coméntanos Daniel mentres forcexeamos coas silveiras—. Eu traballei nela, esmorrillando en Silvarredonda coa porrilla (maceta). O marco de pedra para morrillo tería uns vinte centímetros de alto. Comezaría a facerse esta carreteira sobre 1950».

Camiño Vello

Pasando esta estrada, xa entramos na parroquia de Silvarredonda, no Monte da Fonte Roxás, e por iso este tramo do Camiño Vello denomínase Camiño da Fonte de Roxás. Este é un manancial, á dereita da subida do camiño, que non seca nunca e ten boa auga… hoxe agochado trala matogueira. O Camiño da Fonte de Roxás é unha congostra, abeirada por alto valados. Pola metade deste cavorco, chámanos a atención unha serie de buratos no valado da esquerda. Daniel resólvenos o misterio: «Son tornas dos agueiros que o maiordomo encargaba aos veciños de ter desobstruídas, para evitar inundacións e que a congostra se converta nun trollo (entullo). Así, o maiordomo parroquial convocaba aos residentes («Tal día hai camiños») para cumprir con este labor. A auga levábase polo ribón, para o depósito do Camiño do Campo Sampil, na Costa de Beres, abastecendo ás dezanove casas de Beres de Arriba e de Beres de Abaixo, entre elas a miña, a Casa da Beira ou da Pedra».