Festiciencia, unha feira de ciencia dende eiras e cabanotes

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

CONTINÚAN AS FESTILETRAS | O saber científico foi o protagonista de boa parte do terceiro día das Festiletras. Tamén Xurxo Souto, que recolleu este venres o seu premio Bo e Xeneroso. E Fetén Fetén! 

04 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa tempo que Ponteceso non é só berce de letras, senón tamén de ciencia. En realidade, estas disciplinas teñen fronteiras ben diluídas, e así o está deixando claro esta 39.ª edición das Festiletras do Couto coa iniciativa Lendo a Ciencia, que levou ata a aldea pontecesá a un total de oito autores con publicacións de literatura infantil en galego que teñen un eixo común, o gardar algunha relación coa ciencia ou coa ecoloxía, como onte incidía David Ballesteros, coordinador das Aulas Científico Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. María Canosa, Concha Blanco, María Solar, Juan Casto Rivadulla, Henrique Harguindey, Rosa Aneiros (onte, vía online), Sabela Fernández e Luísa Martínez deron a coñecer as súas obras, sempre á par dun obradoiro científico. Mércores e xoves foron días nos que a literatura se estendeu cara a ciencia e, onte, o día máis científico das Festiletras, o do Festiciencia, un encontro que ten entidade propia dentro da celebración que promove a Fundación Pondal.

ANA GARCIA

O que onte houbo no Couto foi unha feira de proxectos científicos e tecnolóxicos, cunha singularidade manifesta, como incide Ballesteros, que non foi outra que a de facer todo iso dende eiras ou cabanotes, espazos repartidos por toda a aldea. A pandemia obrigou a diversificar, a artellar grupos burbulla, pero estes novos refuxios para o saber mesmo veñen a resultar «enriquecedores». En calquera caso, como di David, tanto os rapaces das Aulas Científicas como os da Escola de Verán, que tamén amosaron proxectos científicos, están xa plenamente adaptados ás normas da pandemia. As súas presentacións fixéronse acompañar de intervencións especiais, caso de profesores e divulgadores científicos, como Xacobo de Toro. «Foi a de hoxe unha mañá moi completa», contaba Ballesteros a iso das dúas, cando aínda faltaba a intervención de Luísa Martínez coa súa obra Puf, vaia peido! Nomes, animais, prantas e moito máis que precisamente amosaron á perfección o bo levar de letras, ciencia e ecoloxía. A chegada destes autores ao Couto foi posible grazas á dirección xeral de Política Lingüística, da Xunta. Festiciencia contou co apoio da Fecyt, Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología.

ANA GARCIA

Diversiplás, segunda vida para os plásticos e máis saúde para o mar

Na mañá deste venres tamén a entidade Íntegro, con sede en Nantón, deu a coñecer no Couto o seu proxecto Diversiplás, apoiado polo GALP Costa da Morte. Plásticos, residuos mariños e, sobre todo, mar, teñen moito que ver nesta iniciativa que, como explicou Noelia Barreira en Radio Voz, está dirixida á recuperación e valoración de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca. Ten como protagonistas a diversos axentes da Costa da Morte: os usuarios de Íntegro, na súa meirande parte persoas cunha discapacidade intelectual, redeiras, mariscadoras, xentes vencelladas ao mar dende outras perspectivas e, por suposto, tamén pequenos e pequenas dende o ámbito da educación, que é onde hai que incidir e sensibilizar para lograr unha Costa da Morte máis sostible.

As instalacións de Nantón son a base deste taller no que aos residuos plásticos se lles dá unha segunda vida, evitando á vez que se convertan en contaminación: agullas de pescar, pousavasos ou mesmo asentos para cadeiras, «todo o que te poidas imaxinar» pode saír deste traballo de economía circular. Con el colaboran varias entidades, como o Laboratorio de Plásticos de Ferrol. Para os usuarios de Íntegro é, tamén, unha vía de inserción laboral na súa propia terra.

ANA GARCIA

«O Couto é a verdade, o amor, a creatividade en colectivo»

A Fundación Eduardo Pondal fixo onte entrega do primeiro premio Bo e Xeneroso deste ano, recollido por Xurxo Souto da man do deputado provincial de Patrimonio, Xosé Luís Penas, e do presidente da entidade pondaliana, Lois García Carballido. Souto, de quen xa non se pode desligar a expresión «medre o mar!», fixo unha pequena adaptación á hora de intervir, unhas palabras sentidas que abriu e pechou co grito de «Medre o Couto!», moi ben respondido por parte do público.

«Eu son vocalista», dixo antes de coller o micrófono na man e confesar: «O Couto é a verdade. O Couto é o amor, O Couto é a creatividade en colectivo, das persoas, das familias, dos vellos e dos novos». Pulsou a importancia do ensino, da educación, da sociedade, para facerlles ver os nenos que nin a música nin a pintura nin a cultura en xeral se deben inculcar como vía para triunfar, idea que vén sendo moi común, senón como camiño para ser felices. «Poñer en valor o que somos para facer máis felices ao mundo, coa riqueza da nosa diversidade», incidiu.

ANA GARCIA

Cultura para todos e todas é o que hai tantos anos atopou no Couto, «unha aldea absolutamente referencial para todo o país». Calviño de Tallo, Costa de Xaviña, Pazos de Merexo coa súa filosofía de «cada un vai á feira co que ten», Manuel María ou A Quenlla pasaron tamén polas súas lembranzas ligadas ás Festiletras. E houbo sorpresas, porque por primeira vez na historia da humanidade, nesta aldea pontecesá (prefire o termo aldea a rural), e coa complicidade que Souto acadou dos artistas de Fetén Fetén, escoitou o público un tema en rébético-galego. Rebético, xénero musical grego, e galego, esencia propia.

ANA GARCIA

Fetén Fetén foi, precisamente, a agrupación encargada de pechar a velada de venres. «Boa tarde, Festiletras!», saudou a formación burgalesa. Jorge Arribas e Diego Galaz amosáronse contentos de volver. Chegaron con sorpresas e amigos, caso de Caamaño&Ameixeiras. Para o público, unha petición: «Disfrutad muchísimo». A tarde acabaría en foliada. O programa para hoxe: 

Aldeas singulares

11.00 horas. A deste sábado será xa a oitava edición deste encontro que, baixo o nome de Aldeas Singulares, amosa a viveza e o emprendedurismo, con proxectos diversos, dende distintas aldeas do país. Hai futuro para o rural ou, cando menos, hai quen procura que así sexa. Aldeas Singulares é unha iniciativa concibida a modo de panel de experiencias, da que sempre saen propostas realmente interesantes.

festicop

Feira das Cooperativas. Nos distintos espazos da aldea do Couto poderase o coñecer o traballo de varias cooperativas.

Música

Pasacabonotes e varios concertos de balde. A agrupación Inllar encargarase de ir dinamizando a mañá, percorrendo os cabanotes. Para as 13.00 horas está prevista a actuación da Banda Infantil de Xinzo (Ponteareas) e, para as 14.00, o concerto de Caldo (entrada de balde). Volverán os pasacabanotes arredor das 15.00, con A Tagea e A Requinta da Laxeira.

Bos e xenerosos

Segundo galardón. Logo da recolla por parte de Xurxo Souto, a entrega dos Premios Bos e Xenerosos seguirá esta tarde (18.00). A segunda en recibir o busto de Eduardo Pondal será a artesá e zoqueira Elena Ferro. Dicía días atrás que entende este recoñecemento como un premio ao taller familiar. A artesanía de Eferro hai moito tempo que leva vinculada ao Couto, en torno a 27 ou 28 anos nas Festiletras.

concerto

Guadi Galego. Sobre as 18.15 horas, subirá ao escenario Guadi Galego, voz do latexar galego. Este concerto sí precisa entrada, esgotadas en ataquilla.com. A organización, non obstante, reserva 50 para a billeteira do festival.