Concha Blanco, María Canosa, Ángel Carracedo ou María Solar son algúns dos convidados deste mércores
01 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
Chegou o día. Fóra das datas que serían habituais, consecuencia da pandemia, mais coa mesma forza e gana ca se fose en maio. Hoxe botan a andar no Couto, da man da Fundación Pondal, as Festiletras: 39 anos do que xa hai tempo que se vén definindo como un milagre ou, como dicía Xosé Neira Vilas, a meirande celebración das letras galegas do país. Ata o domingo, día 5, irán pasando por esta aldea de Ponteceso referentes galegos da literatura, da ciencia, da música ou do humor. Guadi Galego ou Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán xa esgotaron as entradas (aquí, o programa). Os días 3, 4 e 5 serán quizais os máis intensos, mais non menos ilusionantes os de hoxe e mañá, pois están cargados de futuro e fortalecemento da raíz: os máis pequenos.
Nesta xornada de mércores comeza, por exemplo, unha das novidades do 2021, a iniciativa denominada Lendo a ciencia. Dirixida ao público máis novo, son propostas de lecturas en galego que levarán ata a aldea aos propios autores da obras, cun apoio científico. Unha mestura de letras e ciencias que chegará da man de nomes moi diversos e ben coñecidos. Ás 11.00, alí estará María Canosa con H2... Oh!, así como o xenetista xalleiro Ángel Carracedo, referencia internacional. Ás doce será a quenda de Concha Blanco, con Macedonia de versos; ás 16.00, de Juan Castro Rivadulla con A que cheiran as cores?, e ás 17.00, para María Solar con Os nenos da varíola.
Haberá que sumar, tamén hoxe, e a maiores do mencionado, varios espectáculos musicais, como O soño dos golfiños (12.30) ou a actuación da Banda das Apertas (14.00), coa presenza de Magín Blanco. Finalmente, ás 18.00, intervirán no Couto Mamá Cabra & Bellón e Maceiras con A música das buguinas. Todo isto, de balde, nutrindo de aprendizaxe e de diversión aos pequenos.