No confín dos verdes castros | Ferreiros de Brantuas e Niñóns

xosé m. varela varela

PONTECESO

Varela Pose, cunha publicación anterior
Varela Pose, cunha publicación anterior BASILIO BELLO

Gabriel Varela Pose deixa demostrada, cos escritos destes anos, a riqueza etnográfica que posúen as parroquias

21 ago 2021 . Actualizado a las 19:30 h.

O confinamento por covid truncou no 2020 unha das citas permanentes co mundo do libro local. En setembro dese ano non puidemos desfrutar da publicación que cada ano edita a Asociación Nosa Señora do Faro. Melloraron os tempos e xa temos nas mans, cun ano de tardanza iso si, o novo título saído do forno. Outra vez máis da man de Gabriel Varela Pose: Ferreiros de Brantuas e Niñóns. Outro pequeno tomo para irmos descubrindo os sinais de identidade destas dúas parroquias bergantiñás que tan feiticeiramente cantara Eduardo Pondal na súa lírica gloriosa.

Tras un par de mostras de estirpes familiares baixo o título de Brantuas nos anos 50 e Niñóns nos anos 50, volve aquí Gabriel Varela ó eido da etnografía. Xa é unha constante na súa esfera investigadora. Antes debullara o mundo de arrieiros, canteiros, zapateiros, tecelás, cavadores de rozas e sementadores de trigo. Agora son os homes do ferro. Todos eles traballadores e oficios de antano imprescindibles para o desenvolvemento harmónico no día a día dunha comunidade rural.

O volume serve tamén como homenaxe a todos os ferreiros dos que hai lembranza nestas dúas parroquias. Así, ao longo de case 50 páxinas que se len nunha sentada, debúllase a memoria de sete artesáns locais: José Montáns Serantes, Antonio Facal Lema, Agustín Martínez Castro, Eliseo Couto Barreira, Anselmo Álvarez García, Ramón Ordóñez Castro e Ricardo Bermúdez Vidal.