Volve a Escola de Verán que afianza as raíces do rural

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

A proposta da Fundación Pondal chega este ano á 39.ª edición, con case 160 nenos e 25 monitores

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Esforzo, humildade, confianza nas persoas e achega de pequenos grans de area por parte de moitos fixeron posible que a Escola de Verán impulsada pola Fundación Pondal do Couto, en Ponteceso, inicialmente co nome de Monte Branco, chegue este 2021 á súa 39.ª edición. Unha escola inclusiva, con rapaces a partir dos 3 anos, que recibirá alumnos de Coristanco, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Zas... Case 160, nada menos, o que supón dobrar o rexistro do ano 2020, pasando tamén os monitores dunha ducia a 25.

Aínda que as actividades cos pequenos botarán a andar o 3 de agosto, na tarde deste venres acolleu Cospindo a presentación da proposta ao voluntariado, que en vindeiras xornadas continuará con reunións e sesións formativas sobre cuestións como o TDHA, da man da Fundación Ingada. O groso deles, con formacións diversas, son rapaces, que teñen participado no curso de monitor de tempo libre impulsado pola fundación pondaliana e que xa entregou máis dun cento de titulacións na comarca. Oito chegarán, doutro lado, do curso impartido polo centro Colaxe: «Estamos convencidos, vendo todo isto, que hai moita xente nova con ganas de facer cousas, xente nova á que, se lle damos as ferramentas necesarias, van seguir estando aquí e asentando raíces», indica Xosé María Varela, xerente da entidade e director da Escola de Verán.

A Felipe Senén

Ten isto moito que ver coa persoa á que se lle dedicará este 2021 a escoliña: Felipe Senén, «un sabio». Foi a persoa que ilustrou o primeiro cartel desta iniciativa, unha colaboración que, xa noutros ámbitos, nunca cesou. Varela lembra un dos seus lemas: «Se aseguramos as raiceiras, aseguramos o futuro». Vén isto moi acaído ao caso de Uxía Varela e Paula Blanco, coordinadoras pedagóxicas desta 39.ª edición, que no seu día, dende os tres anos, foron alumnas da escola Monte Branco. Tratando sempre de diferenciarse coas súas propostas, buscando facer canteira, o traballo de base, convencidos de que «todo está en nós», esta alternativa de conciliación chegou a ser referencia en todo o país, mesmo á hora de implementar as medidas derivadas do covid-19. Aludindo á obra A galiña azul, de Carlos Casares, o xerente da Fundación Pondal di que a idea non é o outra ca que «a bomba da felicidade se instaure nos nenos este verán». Hortiña que te quero tanto da man de Amancio Lavandeira, un novo documental de Omal Rabuñal, música nun cabanote ou as probas do primeiro xogo matemático pondaliano serán algunhas das propostas para agosto, incluíndo ademais saídas, experiencias, xogos, arte, lingua de signos... «Practicar rural», di Varela, «porque os tempos son chegados». 

Dous dos monitores, presentes vía novas tecnoloxías na sesión
Dous dos monitores, presentes vía novas tecnoloxías na sesión ANA GARCIA

Será novidade este ano un servizo de madrugadores, de 09.00 a 11.00 horas, e continuarase cunha ampla diversificación de espazos, incluídos casas e palleiros cedidos pola veciñanza, traballando en grupos burbulla. Colaboran na iniciativa, ademais das familias, Secretaría Xeral de Igualdade, Dirección Xeral de Familia e Infancia, Deputación, Concello de Ponteceso, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Fundación Juana de Vega, Fundación Ingada e Federación de Xordos de Galicia. Por diante quedan meses para gozar dos días longos e da aprendizaxe divertida.

O monitorado

Laura Lema, Alba Pombo, Ana Mariño, Esther Suárez, Alba Bermúdez, Virginia Blanco, Clara Amado, Paula Mato, Brais Pombo, Manu Nantón, Paula blanco, David Pérez, Hadrián García, Candela Lema, Nuria Rojo, Pablo Varela, Nieves Fernández, Eva Carril, Amancio Lavandeira, Álex Bellón, Aisha Dhima, Nerea Amado, Omar Rabuñal (documental), Sergio Pascual (radio), Gerardo Reino (maker).

Dirección: Xosé María Varela.

Secretaría: Patricia Bellón.

Coordinación pedagóxica: Uxía Varela e Paula Blanco.

Voluntarios para a Escola de Verán
Voluntarios para a Escola de Verán ANA GARCIA