Foro Voz será o punto de arranque do ambicioso proxecto Ribeiras do Anllóns

P. b. m. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

O encontro de mañá, no Couto, Ponteceso, asentará unha iniciativa turística sostible e de divulgación

28 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Fundación Pondal, La Voz de Galicia e Xunta de Galicia volven colaborar no impulso dun novo Foro Voz que sentará as bases do proxecto Ribeiras do Anllóns, unha iniciativa sostible de formación e divulgación con carácter interterritorial e plural en temática e destinatarios, unha actividade «de carácter permanente» que virá a cubrir «un baleiro formativo e turístico». Todo iso será Ribeiras do Anllóns, que iría dende un percorrido en tren turístico por bens de interese cultural, á observación ornitolóxica de auténticas rarezas no esteiro, paseos en barco eléctrico, descensos en kayak ou aloxamentos en albergue ou casa de turismo rural. E onde todo isto? Nos concellos de Cabana e Ponteceso, bañados «polas augas do río pai Bergantiños e polas ondas da ría de Corme e Laxe», ambos cun bo espazo navegable e con elementos patrimoniais máis ca singulares.

O Foro Voz que abordará todo este potencial e plan de futuro será mañá mesmo, sábado, na sede da Fundación Pondal: O Couto (Ponteceso). A escritora María Canosa será a encargada de presentar o encontro (10.00 horas), que terá ao Colectivo Xeoclip como primeira intervención: O esteiro do Anllóns. Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e deputado responsable da área de Turismo; Carmen Pita Urgoiti, directora de Promoción Turística de Galicia; Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; José Muíño, alcalde de Cabana, e Lois García Carballido, rexedor de Ponteceso, serán as autoridades presentes.

As súas palabras precederán a unha viaxe ao propio territorio para ir ata o dolmen de Dombate e o castro A Cidá de Borneiro (tren e escenificación), o albergue Alalá, o observatorio ornitolóxico José Luís Rabuñal, a ponte da Garga (dende a que se poderá admirar un descenso en kayak) e a Casa de Lelo, onde rematará a velada cun petisco (13.40 horas).

Un dos últimos Foro Voz, igualmente da man de La Voz, Fundación Pondal e Xunta, puxo en valor a paisaxe. As Ribeiras do Anllóns son o retrato perfecto desta palabra e do que significa. A riqueza ambiental da enseada da Insua está contrastada, cunha reserva de flora e fauna de enorme importancia. Sobreviven aínda nas súas marxes actividades artesanais centenarias, como a carpintería de ribeira, e segundo a época do ano son tales as combinacións de cores e formas de vida que sempre hai unha ollada distinta: distintas miradas a un espazo natural ás que tamén contribúe o propio xogo das mareas.

As Ribeiras do Anllóns son tamén espazo literario, da man do bardo Eduardo Pondal. Ponteceso é onde el mesmo naceu: Onde o Anllóns busca o seu destino derradeiro. O mar, a auga, é aquí un modo de vida: peiraos, artes de pesca, embarcacións, falas, faros, cabos, praias, furnas, cantís, percebeiros, naufraxios... Todo iso confire unha identidade, labrada tamén a través de vellos camiños daqueles primeiros poboadores que deixaron para o futuro pegadas da talla de Dombate ou de A Cidá. Con este legado, e mirando cara o futuro dun entorno rural dende a sostibilidade, vén a nacer este proxecto.