O Dezasete da Aldea do Couto fía cultura popular e futuro

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

LETRAS GALEGAS | A de onte foi unha tarde de encontro en torno á lingua, a literatura e a música nesta aldea pontecesá

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É filla de Xusto

e máis de María

naceu en Neaño

e chámase Fina

Esta estrofa dos Farrapos dedicada a Fina Cousillas Baña a xeito de animada música tradicional resoaba aínda minutos despois na cabeza daqueles que pasaron onte pola aldea pontecesá do Couto para gozar do chamado Dezasete. Isto é, a celebración do Día das Letras Galegas a xeito de prólogo do festival Festiletras, mudado a setembro polo covid.

Irma Macías, voz de Luar na Lubre
Irma Macías, voz de Luar na Lubre BASILIO BELLO

As notas ao piano de Hilda Romero e a voz de Irma Macías con Aí ven o maio iniciaron unha xornada que tamén tivo recordo para Xela Arias, no recital de alumnos do grupo de teatro da Casa da Muller. Unha selección de versos da autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas antecedeu a outra poeta, popular neste caso, precisamente Fina, filla de María Baña.

BASILIO BELLO

Onte, no Couto, esta literata natural de Neaño presentou e asinou o seu libro, Poemas, un proxecto no que colaborou Política Lingüística e que garda estrofas tan emblemáticas como as que Fina leu, contando quen era: os pais, oito irmáns, traballo duro, a ledicia de ser familia grande, as festas cos veciños, a emigración, as despedidas, as mortes... Vidas que son a raíz do que hoxe somos. Raimundo, irmá de Fina, tivo tamén palabras para ela e para a antiga escola do Couto. Ademais, unha mensaxe para Galicia, a xeito de verso, que non lle fixo faltar ler («téñoa no ordenador»). Fronte á «riqueza» mal entendida, o amor ás pequenas (grandes) cousas desta terra: «Quero morrer en Galicia, con toda a miña pobreza».

Baile de Adrián Méndez e Paula Blanco
Baile de Adrián Méndez e Paula Blanco BASILIO BELLO

Uxía Varela, presidenta da Casa da Muller, recitou a entrada á peza de baile tradicional de Adrián Méndez e Paula Blanco, e entregoulle a Fina un obsequio para lembrar esta xornada, un día de reivindicación da cultura de base, do legado dos antepasados, un barco calmo fronte ás Tempestades de sal.

BASILIO BELLO

Cantounas Clara Amado, quen animou a reivindicar o idioma todos os días. A lingua é un referente e os seus escritores tamén. Achegarllos aos máis novos, como fai o Seminario Galán desde hai dous decenios cos autores das Letras Galegas, tivo onte recoñecemento en Ponteceso. Marta e María Barca, con raíces en Anllóns, de onde era seu pai, e integrantes deste colectivo, foron nomeadas Literatas 2021. «Que o recoñecemento a este traballo se dea o día das Letras Galegas e que sexa aquí é para emocionarse», explicaron. Aludiron a un «traballo de equipo», pois son compañeiros de diversos centros os que achegan estes recursos en forma de unidades didácticas a alumnos e profesorado. Entregoulles o seu galardón a edila Noelia Varela. Quixeron caer unhas gotas de chuvia, pero non foi a máis.

Premio Literatas 2021 para Marta e María Barca, do Seminario Galán
Premio Literatas 2021 para Marta e María Barca, do Seminario Galán BASILIO BELLO

De «Florencio» a «Trasatlántico», viaxe sonora con Caamaño&Ameixeiras

Aire! Xa está presentado o primeiro disco de Caamaño&Ameixeiras. Elas pecharon onte o Dezasete. Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras amosarónse contentas de «parir» no Couto. Foi a estrea do traballo, e con algo de vento moi acorde a ese Aire! Músicas de aquí e de alá. Abriron o concerto (aforo completo) con Florencio, unha homenaxe a esa xente que permite que a música tradicional agrome. Houbo agradecementos e alusións ás raíces, algunha tan simbólica como a peza Mercedes e Dolores, composta por Antía, e homenaxe ás avoas.

BASILIO BELLO

Fala, acordeón e violín foron tecendo unha actuación na que deron conta das pezas nas que traballaron, algunha tradicional e adaptada, descuberta da man de Gutier Álvarez. Alegría Dioladea, fandango vasco, soou de par da xota de Fontefría recollida por Mercedes Peón, ou do Maneo de Cambre con Icía Varela á voz, no canto de Silvia Pérez Cruz. Recollida por Xurxo Fernándes a Jesús Soto, emigrante de Malpica en Venezuela, antecedou ao Vals de pasmar. Apel·les Carod e Abraham Cupeiro compartiron tamén velada con Caamaño&Ameixeiras: «É unha honra estar aquí. Foi un pracer traballar con estas mulleres. É deses discos que estaba desexando que saísen», dixo o segundo. Aplaudiu o público ao son de Maribel. Cun ritmo brasileiro pecharon, a bordo de Trasatlántico.