O campanario exento de Niñóns: unha lamentable mutilación

juan félix neira pérez

PONTECESO

Campanario de Niñóns
Campanario de Niñóns INDALECIO ARMÁN

Apuntes históricos | Só en Ponteceso houbo espadanas fóra da igrexa polo menos en 4 parroquias

01 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos cuestionarios parroquiais elaborados en 1951 para confeccionar a Guía de la Iglesia en España, é salientable que nun dos apartados debían os párrocos sinalar se o templo parroquial tiña torre, espadana ou nada. No cuestionario da parroquia pontecesá de Brantuas apúntase que contaba con torre, e na veciña de Niñóns escríbese que non había nada. Torre non tiña nin a ten hoxe, senón espadana, pero esta non se encontraba sobre a fachada, senón algo separada da igrexa, á beira do camiño que sobe ao monte. Era, por tanto, un campanario exento, neste caso de arco único para albergar unha soa campá e coroado por frontón triangular. É significativo que, no inventario de bens eclesiásticos da parroquia de Niñóns de 1981, o lugar no que se atopa a igrexa reciba o nome de Campanario.

 Levantouno contra 1733 o mestre canteiro Gregorio Varela, como confirma o libro de fábrica. Por certo, este Gregorio axudara en 1729 a Domingo Martínez a esculpir o retablo e imaxes pétreos da capela da Nosa Señora do Faro de Brantuas, segundo o libro da confraría. O tal Domingo, autor dos encantos pétreos da capela do Briño, consta como «escultor y entallador», e tamén como «santero», equivalente a tallador de santos; e Gregorio, como «cantero y ermitaño de dicha Capilla del Faro», é dicir, que tiña ao seu cargo o coidado da ermida, de aí o termo ermitaño.

A mediados da década de 1980, baixo o curato de Benedicto Cambeiro Santabaya, decidiuse derrubar o campanario, feito lamentable xa que hoxe sería unha rareza. Ora ben, a documentación parroquial demostra que noutros tempos foron abundantes: só no actual concello de Ponteceso, tiveron espadanas exentas polo menos as igrexas de Tallo, Langueirón e Xornes, as cales durante o século XIX instalaron a espadana sobre a fachada; se cadra parte ou a totalidade dos vellos campanarios foron aproveitados para as obras que hoxe vemos, como ocorreu en Niñóns.

Só catro perviven na Costa da Morte. No concello de Muxía hai dous na capital, o da parroquial e o da Barca, e outro en San Cibrán de Vilastose. O cura desta parroquia era moi consciente da singularidade do seu campanario exento, cando escribe ao arcebispo: «Hay una espadaña en la iglesia de mi cargo y es única porque en ella no hay más torre; esta espadaña tiene dos campanas»; xestiona a financiación dunha campá máis grande de 20 arrobas (uns 230 quilos) dado que, como di el, «vale poco menos que un cura, en mi concepto, una buena campana». Pero o máis fermoso e interesante campanario exento é, sen dúbida, o da Ponte do Porto, no lugar de A Grixa, por ubicarse alí antigamente a parroquial de San Pedro, dentro do camposanto vello; conserva incluso un relevo de pedra das ánimas do purgatorio e ornatos barrocos. Curiosamente, o párroco Benedicto, natural da vila porteña, descansa eternamente neste cementerio, fronte a un campanario, exento tamén, como o que se desmantelou baixo o seu curato en Niñóns.

Campanario de Vilastose
Campanario de Vilastose J. F. NEIRA

Ninguén mellor que Luis Montáns Souto, nacido en 1933, pode evocar o desaparecido campanario, xa que fora sancristán co párroco Anselmo Mato. Segundo el, non o quitaron porque estivese en mal estado -a fotografía de 1979 así o avala- senón porque era «moi incómodo tocar a campana alí». Luis e outros veciños confirman, iso si, que o son da campá oíase mellor máis desde o vello campanario, e de feito tal foi a motivación para que se construísen de forma independente, buscando o efecto acústico máis satisfactorio. Comentan igualmente que a campá estaba rota e que o seu metal foi fundido para facer a outra.

Era por entón farmacéutica de Ponteceso Pilar Vázquez, que se preocupaba pola conservación do patrimonio eclesiástico, do cal é mostra a restauración do o oratorio de Tella. Di a veciñanza de Niñóns que se opuxera á demolición do vello campanario, pero a decisión estaba tomada. Tampouco a entende o actual párroco de Niñóns, Xosé Manuel Varela, de avalada traxectoria na conservación do patrimonio artístico das parroquias ao seu cargo.

A parte superior do rústico e modesto campanario, xa mutilado, foi reconstruído mutilado sobre a fachada da igrexa, con resultado estético insatisfactorio. O contorno da igrexa de Niñóns non carece de encantos patrimoniais: un sartego antropomorfo atopado preto do templo -conservado aquí grazas á iniciativa do actual cura Varela-, a gran fonte e lavadoiro de San Xoán e ata un cruceiro moi antigo cunha figura pouco frecuente neste tipo de obra: un San Brais que, pese á erosión, é inconfundible por levar a man á gorxa. Que airoso quedaría hoxe xunto a estes encantos o humilde campanario!

Campanario de A Ponte do Porto
Campanario de A Ponte do Porto J. F. NEIRA