Unha mirada á paisaxe dende Foro Voz: mañá, nova cita en Ponteceso

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Xunta, Fundación Pondal e La Voz impulsan para mañá outra xornada de análise

23 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tan só unha semana despois de ter ennobrecido os hórreos e as condicións que os farían merecedores de ser declarados patrimonio da Humanidade, Xunta de Galicia, Fundación Pondal e La Voz de Galicia volven sumar forzas nun novo Foro Voz. Nesta ocasión, xirará en torno á paisaxe.

Será mañá mesmo, con arranque no Couto, Ponteceso, mais nun formato algo diferente que levará aos participantes a percorrer distintos escenarios do municipio, todos eles presentes, antes e despois, na pluma do bardo Eduardo Pondal. A paisaxe pondaliana será en certo modo o xeito de sacar o punto neste baile que irá máis alá, pois este, o 2021, ten que ser o ano da paisaxe.

Cunhas Directrices tan recentes que tocan e tratan de protexer de cara ao futuro todos os eidos, queda de manifesto que a paisaxe é un dos grandes tesouros dos galegos e, como tal, convén darlle ese aprecio. Terá que ser o ano de emprender unha boa xestión do entorno, o punto de arranque dunha nova visión acerca do que está ao carón, «unha nova maneira de involucrarnos no noso escenario da vida, da tona do mundo que nos sostén a existencia», como avanza o programa deste novo Foro Voz. A paisaxe é saúde, posto de manifesto máis ca nunca pola pandemia. A paisaxe é, tamén, fonte de inspiración, algo que ben exemplifica Pondal.

Novos movementos emprendedores que amosan esa sensibilidade cara o entorno terán cabida neste Foro Voz que pulsará asemade a paisaxe como base da estrutura toponímica, de lendas, de patrimonio ornitolóxico, de riqueza marisqueira, pesqueira, turística, económica e, dende logo, cultural. Unha fonte de desenvolvemento e riqueza a diversos niveis. Francisco Barea, director do Instituto de Estudos do Territorio, será o encargado de inaugurar oficialmente esta sesión de análise e experiencias na que aportarán ademais saber o escritor e profesor Miguel Mato; o docente, investigador e divulgador Félix Neira; o técnico de Turismo do Concello de Ponteceso, Javier Couto; o xeólogo Vidal Romaní ou os emprendedores Xan Fontiña, Fran Brea e Sandra Varela. Todo, través da pegada propia, cos sentidos postos, como non, na paisaxe.

O programa, en detalle 

O punto de inicio desta xornada-percorrido será a Fundación Pondal.

  • 10.30 horas. Saúda de Lois García. Presidente da Fundación Pondal.
  • 10.35. Francisco Barea. Director do Instituto de Estudos do Territorio.
  • 10.50 horas. Inicio do percorrido. A primeira parada nun dos menhires da ruta do Val Nativo será para a intervención de Miguel Mato, sobre a Paisaxe pondaliana: 11.05 horas. Reanudarase a camiñata ás 11.15, para parar ás 11.30 noutro dos menhires: intervén Félix Neira Pérez, sobre Toponimia pondaliana. Continuarase ás 11.40 deica chegar ao menhir Unha princesa moura encantada (12.00): alí falará Javier Couto, sobre a Fervenza de Lagares. Seguirán os pasos ata o observatorio ornitolóxico (12.15). Na palestra titulada Ocio e negocio nas ribeiras do Anllóns falarán Xan Fontiña (cooperativa medioambiental CEM), Fran Brea (proxecto Ribeiras do Anllóns) e Sandra Varela (O Camiño dos Faros). O punto final será o piñeiral de Balarés (13.30), donde Vidal Romaní falará da duna rampante máis alta de Europa e de Titania.