José Castro Lois, Amancio, todo un artista nacido na Bugalleira

EN CLAVE DE SOLPOR | Da voz á batería, a vida de quen foi «El Amancito de la canción»


José Castro Lois. A Bugalleira-Tallo-Ponteceso 20/3/1949

Naceu este bo amigo na fermosa praciña da Bugalleira e alí mesmo, no salón do seu cuñado Armando, comezou a tocar a batería con sete aniños, acompañando a músicos de Corme e da bisbarra. A verdade é que casemente sinto vergoña cando imaxino que eu saín ao noso eido aos trece e aínda era un neno. Pepe ou Pepiño, o seu nome familiar, comezou, como dicimos, gañando un peso da época, ou sexa, cinco pesetas ata que, uns meses adiante, seu cuñado lle subiu a sete pesetas. A súa escola foi no achegado local da Noria, na mesma Bugalleira. Aquela que xa era «las niñas con los niños». E así foi como xa lle comezou a chiscar o ollo a unha delas e a rogarlle coa goma de borrar e o afialapis. ¡E en pantalón curto que xa é dicir!

Aos once anos ousa el só en integrarse como cantante na Orquestra Iris de Baio para suplir a seu irmán Enrique, o titular, por este subir á mili. Nesta aventura, que marcaría de por vida a súa profesión, cantou durante dous veráns, porque no inverno a escola era o primeiro. Pepe, o día antes das actuacións, ía durmir á casa da familia Fondo en Bamiro, a Casa dos Gandarolos, así coñecida. Logo á volta, a pé ou andando, ata a encrucillada de Baio, onde xa contaba con Aurelio, o panadeiro da Trabe, por mor de este ir facer o reparto. E dende a Trabe, de novo camiñando ou a dedo. Cre que foi el quen inventou «iso do autostop», cóntame Pepe cunha argallada.

Cando actuaban na zona porteña, durmía na fonda e sala Calistenia, onde a señora Oliva o trataba como a un fillo máis. Logo, ás sete da mañá, collía o Finisterre de Muxía. Ou sexa, o de durmir era estar en vela para o coche. Cóntame que na Iris era coñecido como Pepito Castro e xa gañaba as súas cen pesetas. Un soldazo.

A finais do verán do 1961 e con doce anos, era de renome o famoso Desfile de Estrellas na Coruña. E, sen pensalo dúas veces, velaí concorre o noso imberbe sen barba. Alí, prepárao o mestre Eduardo Dhiel e acode a dúas actuacións no Cine Equitativa antes de pasar ao Teatro Rosalía de Castro, onde sería a final.

Vemos nas fotos o ben peiteado, risoño e botado para adiante, como este Bugalleiriño non se arreda perante os da capital. E que garboso, meus, tendo en conta que casemente non pisara a Coruña un par de veces! Aquelas noites, toda a parroquia de Tallo non afastou o oído da radio. Ata a rapariga seica non durmiu sono.

Chega á gran final e acada o segundo premio e mais o trofeo votado polo público presente: A Copa da Simpatía. ¡Era visto con tanto descaro e boa voz! Nese escenario recibe o galardón da man da presentadora do concurso, Marina de la Peña. E alí mesmo coñece á nosa bergantiñá Celsa Bolón. Unha foto co famoso xogador Amancio entre bambolinas logo de escoitalo, abondou para que este o rebautizara de por vida como: El Amancito de la canción. ¡Vamos, que xa comezou alí a asinar autógrafos!

O mundo xa era seu e ao ano seguinte, 1962, ficha pola Orquestra Reyes de Carballo con excompoñentes da Bergantiños. Dirixida por Segismundo Regueiro, el comparte micrófono coa xa súa coñecida Celsa Bolón, pero un só verán. Un ano máis do noso púbere con case 14 anos e dá o salto á cidade. Esta vez á Orquestra Finisterre, compartindo voces con Xulio Locres. Por un azar do destino, nunha actuación fronte ao actualmente centro de consultas do Ventorrillo, falta o batería. Amancio ofrécese, mais o director, Rogelio Rey Mesura, tómao de broma. Pasan os minutos. Había que comezar e os compoñentes convencen ao director. Comeza o novo ciclo como batería de Amancio. Acode ao Conservatorio e a clases de percusión co recoñecido mestre Fraguela e á Academia Coruña nos tres anos que pasou na Finisterre. Por outra parte, iríalle cambiando a tesitura das cordas vogais e, aínda que sempre seguiría como batería, nunca deixou de cantar algúns temas coa súa dozura en dende neno.

Chegado o 1965, entra na nova formación de Os Bardos, onde estaría oito anos ao mesmo tempo que os compaxina coa mili. Casa o 29 de xullo de 1973 co seu amor escolar, Clarisa Fernández García. Deciden facer unha boa lúa de mel e tamén ver ao mesmo tempo algo distinto laboralmente. Londres sería o seu destino e alí emprégase Pepe en mantemento nun hotel, o The Hampshire, e Clarisa nunha fábrica de costura. Dúas semanas despois, xa encontra onde realizar a súa faceta musical de batería e voz con Los Íberos de Málaga, na sala Costa Brava. Un cambio de nome e agora como Los Tamigos, só que cun horario das nove da noite ata as tres da mañá. Cada semana acompañan a cantantes como Ana Kiro, Enzo F. Chinchilla, Antonio Molina, Lola Flores, Antonio Machin, Pepe el Largo, Toni Preysler (ex de Los Tamara), ou ao mesmo Frank Sinatra, quen, pola súa ascendencia e tocarlle toda a noite música italiana na Sala Tiberios, os agasalla cunha propina de 500 libras equivalente a 100.000 pesetas.

Un ano despois volven á súa terra, onde nace a primeira filla e esta queda cos avós ata o ano seguinte. A segunda filla naceríalles no mesmo Londres e alí criaríanse ambas as dúas irmás. Duro labor emigratorio a deste querido amigo, onde apenas vía a cama. Se ás tres da mañá se deitaba, de sete e media ata ás catro da tarde no hotel, agora como xefe de mantemento.

Pasarían 27 anos e a morriña tirou da terriña. Regresan no 2000 coas fillas, unha con 15 e a maior con 26 anos. Erguen cos seus aforros a súa propia casa ao pé do instituto da Trabe-Ponteceso. Abren o Bar Amancio, onde seguirían coa dura loita da vida ata o 2020, que pechan por xubilación. Mais sempre á vista do público, loce a batería co nome de Los Tamigos, e o bar, un verdadeiro museo da súa vida artística.

José Castro Lois, hai uns días, coa súa batería
José Castro Lois, hai uns días, coa súa batería

Asemade, foi un pracer contar con el para algunhas actuacións coa nosa Banda e sempre disposto a unha eventual emerxencia, onde foi feliz recordando vellos tempos e desfrutando dunha nova faceta para el no eido musical. A día de hoxe, Pepe e Clarisa, a súa dona, o seu amor dende neno, a nai das súas fillas que xa lles deron tres netos, pasean e reláxanse no solpor dunha vida de dura loita. ¡E falan da goma de borrar e do afialapis! Ou do primeiro bico roubado de socate, porque o popular Amancio, se de neno era sorrinte, esa graza ou ese don que Deus lle deu, así mesmo lle foi recíproca coa súa afable Clarisa.

Colaboración: José Castro Lois e Clarisa Fernández García. Axuste Gráfico-Imprenta Ponteceso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

José Castro Lois, Amancio, todo un artista nacido na Bugalleira