Valentín González Formoso: «A oposición empregou unha fórmula suicida que en Ponteceso non entenden»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana García

O presidente da Deputación da Coruña insta a PP e APIN a presentar un POS para que o Concello de Ponteceso non perda os 758.000 euros de asignación provincial

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Secretario provincial do PSOE, presidente da Deputación dende 2015 e alcalde das Pontes dende 2007, Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) recoñece que é a primeira vez na súa traxectoria política que ve como un concello, Ponteceso, pode perder este ano 758.000 euros do Plan de Obras e Servizos. Pide a todos os partidos que cedan e que acaden un acordo: «Son optimista, aínda hai tempo de salvar este plan tan importante para os veciños e veciñas de Ponteceso». E tamén advertiu: «Se estes cartos non van para Ponteceso repartiranse entre os restantes 92». E lanzou un aviso a navegantes: «Cos seus defectos e os seus acertos, Lois García Carballido ten o noso apoio absoluto. Colleu un dos tres peores concellos da provincia, con cinco millóns de euros de débeda, e converteuno nun exemplo na xestión municipal».

-Como valora a situación de Ponteceso?

-Nunha provincia con 93 concellos a casuística é moi rica e variada. Pero a de Ponteceso, como secretario provincial do PSOE, definiríaa como traumática, e como presidente da Deputación, non só é traumática, senón tamén preocupante. Non quero dar leccións a ninguén, pero si chamar un pouco á cordura. Independentemente das relacións políticas e persoais os beneficiarios últimos do POS son os veciños de Ponteceso. E falamos de 1,2 millóns de euros este ano entre o POS, o Plan Complementario e o POS-2, que aprobaremos no mes de abril. Se non hai unha actitude construtiva Ponteceso perderá 1,2 millóns de euros. Se o extrapolamos aos tres anos que restan de mandato falamos de tres millóns e medio de euros. E hai que deixar claro que esta proposta ten que ser aprobada polo pleno. Hai fórmulas para sacalo adiante. O oposición pode plantexar unha alternativa ao POS, levala a pleno, que se aprobe e a Deputación non terá ningún problema en avaliala.

-Pero o prazo xa rematou.

-Non. Aínda é perfectamente viable. Se a oposición non está de acordo coa proposta do goberno pode plantexar unha alternativa e aprobala en pleno. Están dentro do prazo.

-Segundo o PP, o prazo legal xa rematou.

-Non. Se hai vontade política de que Ponteceso reciba eses 758.000 euros a Deputación non vai permitir que se perdan. A Deputación é unha institución nese sentido diferente ao resto. Non convocamos axudas ou programas de forma distante ou fría. Somos o pai e a nai dos concellos e, polo tanto, damos flexibilidade aos concellos para que non perdan eses financiamentos. Este POS ten nome e apelidos, que neste caso é Ponteceso. Eu confío que as forzas políticas non van permitir perder estes cartos.

-Que pensou cando viu que o pleno rexeitara o POS?

-O primeiro, que era unha mágoa chegar a esta situación por discrepancias políticas e persoais. O máis mínimo filtro de intelixencia política non pasaba por unha situación así. Acéptase que a oposición, maioritaria en Ponteceso, faga a súa proposta e se aprobe en pleno. Pero non a fórmula suicida que os veciños e veciñas de Ponteceso dificilmente van a entender. Falamos do único concello da provincia que vai perder o seu POS porque a corporación non se pon de acordo. Non ten sentido.

-Os 16 traballadores do plan de emprego social poderían quedar na rúa o 31 de maio.

-Dos 758.000 euros, 157.000 son para gasto social. O resto, gasto corrente e pavimentacións viarias. Con estes cartos abónanse as nóminas deste plan de emprego social, e as nóminas da persoas que traballan no servizo se axuga no fogar, que nós complementamos nos 93 concellos da provincia. Pero tamén se prexudican a empresarios, familias vulnerables.... É que non ten sentido. Nin sequera os que cometeron o erro de non apoiar o plan creo que teñan dalgunha maneira a sensación de ter cumprido co seu concello.

-Na política municipal hai unha especie de liña vermella que non se traspasa: o POS. En Muxía, en similar situación que Ponteceso, a oposición abstívose para lograr máis de 600.000 euros.

-É inexplicable. Máis da metade da poboación da provincia da Coruña está rexida por concellos onde non hai maiorías absolutas, onde hai liortas, diferenzas, pero como ben di hai unha liña vermella que non se cruza: os cartos do POS.

«O que mostran os vídeos é unha mercantilización da política contraria á bandeira que defende o PSOE»

-Entende que por temas persoais non se aprobe o POS?

-É evidente que en Ponteceso hai unha tensión persoal importante, pero incomprensible por outra parte. Podo entendelo nos excompañeiros do PSdeG-PSOE, pero non en formacións que cumpren coa súa obriga política, como no resto dos concellos. En 42 gobernos municipais da provincia non hai maioría absoluta, e hai diferenzas, pero aprobaron o POS e non poñendo en risco perder un programa básico para os concellos pequenos. Por certo, formacións políticas que teñen como obxectivo representar nun futuro aos veciños, se así estes o deciden nas urnas.

-Que sentiu cando viu os vídeos de tres edís do PSOE reclamando cartos ao alcalde a cambio de garantir a gobernabilidade?

-Moita tristeza. A xestión municipal é a máis directa e a que máis se relaciona co cidadán. E neste caso, pena por ver a compañeiros e compañeiras, que teñen que dar a cara ante o seu pobo. Esta materialización, da política, esta mercantilización da política é a bandeira contraria que defendemos no Partido Socialista.

-Hai posibilidade de retomar a senda do diálogo con estes cinco excompañeiros do PSOE?

-As relacións micropolíticas débenas xestionar o goberno municipal, neste caso, o alcalde e a agrupación local. Somos un partido dialogante, e se dialogando se logra aprobar este POS terán toda a nosa axuda.

-Como valora a posición do PP de Ponteceso?

-É unha posición totalmente contraria á que mantén de forma responsable no resto de concellos da provincia. Alí onde non goberna, sempre apoia, negocia ou consensúa o POS. En Ponteceso trátase dunha postura extrasistema e moi radical que escapa dos canons habituais do Partido Popular.