O autor guiou a penúltima Cova Céltica deste ano na sede da Fundación pontecesá
21 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.
Luis García Soto, profesor de Filosofía Moral da Universidade de Santiago, foi o protagonista da penúltima Cova Céltica da Fundación Pondal. Celebrouse o sábado, tamén na lareira do Couto. Outros e novos Queixumes, o título do seu libro pondaliano, foi o tema da conversa. Xa no ano 1986 fixera unha aproximación á obra do bardo cun traballo sobre a Campana de Anllóns.
Apuntou García Soto que hai «moitas resistencias e dificultades para falar de Pondal». Deste xeito, opina que o poeta de Ponteceso non foi tratado da forma debida no centenario da súa morte. «Foi todo moi clandestino», afirmou. E todo se debe a erros na interpretación da súa obra, na que aparecen voces múltiples, incluídas femininas. «Hai cantidade de bardos e cada un ten a súa voz», comentou. Por exemplo, cando nomea a Lucifer, non o fai no sentido católico, senón co significado clásico do que trae a luz. E así noutros moitos casos. Pondal é moi difícil de interpretar.
Lamentou que Queixumes dos Pinos non estea traducido ao castelán. Tería outra transcendencia, cre. Diferenciou entre Os Eoas, texto canónico, e Queixumes, que é «rupturista», no que o poeta dixo «o que hai que dicir e como o hai que dicir». O tamén autor do Labirinto da Saudade sinalou que Pondal detestaba o «o mundo tradicional no estado no que está», no seu momento.