De Eduardo a Eduarda: poema inédito de Pondal á súa irmá morta

Juan Félix Neira

PONTECESO

Juan Félix Neira

A peza autógrafa foille regalada por un parente do vate á persoa que informou recentemente da súa conservación

23 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Muxía, «a areosa, a seca, a triste»: así rememora Pondal nun poema a fermosa vila atlántica. Tiña motivos o bardo: en setembro de 1853, na romaría da Barca, quixo o destino preservar a vida de Rosalía de Castro, en tanto que sacrificaba a da súa irmá Eduarda; ambas amigas acudiran á célebre romaxe. A peripecia tratárona, cada un á súa maneira -en prosa e en verso-, o futuro marido da supervivente e o irmán da fenecida. Conta Murguía que naqueles días de romaría, «aquel año espléndida y concurrida», a morte de Eduarda acaecera na casa do médico Leandro Abente, irmán da nai de Pondal. Moi estreita foi a relación entre os Pondal e os Abente de Muxía; non esquezamos que o bardo, cando marchou a cursar os seus primeiros estudos á reitoral muxiá de Vilela de Nemiña co párroco Cristóbal de Lago, parece que se aloxou nunha casa que o médico Leandro posuía no lugar de Queiroso, moi preto da reitoral.

No libro de defuntos, o párroco muxián José Fondevila asenta o 26 de setembro de 1853 a morte de «Dª Eduarda Pondal», e sinala que ocorreu o día anterior; engade que non fixo testamento e que foi soterrada na vila da Barca. Aínda que morreu en Muxía, tamén no libro de defuntos da parroquia natal de Cospindo quedou constancia do seu pasamento, coa data concreta da defunción, o 25 de setembro de 1853, e indícase «muerta en Muxía». Anos máis tarde, os seus restos serán trasladados ao chan nativo, onde hoxe descansan, no panteón familiar do camposanto de Cospindo na aldea do Couto, a carón da sede da Fundación Eduardo Pondal.

É mágoa que o reitor muxián non indique a causa do pasamento de Eduarda. Nos falecidos arredor desa data tampouco se aprecia unha mortalidade excesiva nin causa ningunha anormal, como puidera ser un brote de tifo, a presunta causa da morte de Eduarda e da enfermidade de Rosalía. Ora ben, tamén é verdade que se percibe certo desleixo no apuntamento das defuncións, xa que o único asento de setembro é o de Eduarda, e ademais ningunha defunción hai rexistrada nos meses de agosto, outubro e novembro, feito imposible de imaxinar. Que os párrocos desatendesen ás veces a súa obriga de levar ao día os libros parroquiais entraba dentro do relativamente habitual, pero non deixan de ser curiosas tan evidentes omisións. Padeceuse en verdade un andazo de tifo e o desbordado reitor esquezeu rexistrar as defuncións?

Por outra banda, sabemos que a morte da irmá foi en parte a causante dunha ausencia de Pondal como estudante en Santiago. Nunha carta enviada á Universidade compostelá en outubro de 1853, o pontecesán expón «que por hallarse en la convalecencia de una enfermedad que ha padecido y por acaecerle al mismo tiempo la muerte de una hermana no ha podido llegar á tiempo oportuno para matricularse en lengua griega».

Sinalado día

Este triste suceso familiar acaba de sernos evocado co achado dun poema inédito de Pondal, dedicado á irmá morta. Na peza constan lugar e data completa da súa escritura: «Mugía Octubre 13 de 1879», o cal permite contextualizar a creación dos versos, xa que o 13 de outubro é, en efecto, o día de Santo Eduardo, e Pondal estaba tamén ese mesmo día en Muxía, onde morrera Eduarda. É doado imaxinar como ao maxín do bardo puido afluír entón, en tan sinalado lugar e día, o recordo da infortunada irmá á que, como poeta que é, Pondal non pode evitar obsequiala cunha mostra da súa inspiración. O poema autógrafo foi regalado por un descendente do vate á persoa que nos informou del, polo cal lle reiteramos a nosa gratitude. Titúlase A mi hermana Eduarda en su día, e di así:

«Ese ramo que formé / de mirto y dalias vistosas / y de malvas olorosas / a ti te lo consagré. / Quiero que emisario sea / de mi ternura entretanto, / no corro a abrazarte que… / ¡hoy es día de tu Santo! / Presente insignificante / para aquel que desconoce / que las flores son mi goce / y que las busco anhelante. / Pero tú, hermana querida, / así no te lo imaginas / pues conoces el valor / de esas flores ¡sin espinas!»

A peza amosa o estilo de Pondal nos poemas en castelán deses anos, cando está moi influído polo romanticismo. Nestes versos que queren ser tamén como flores que se ofrendan á irmá, o tan manido tópico das flores presenta aquí certa oportunidade, na medida en que ese «ramo que formé» constitúe o obsequio á desventurada Eduarda en día e lugar tan nas entrañas gravados. Emerxe tamén o ton humorístico, que pode estrañar ou sorprender nun poema in memoriam, pero que contribúe eficazmente a desdramatizar a lembranza da irmá, ou incluso a estragala.

Novos poemas do bardo poderán aparecer no futuro. A fonte pondaliana mana sempre xenerosa.